Leo Bassi, Jango Edwards e Vinila Von Bismark encabezan o II Rock and Clown

Leo Bassi, Jango Edwards e Vinila Von Bismark encabezan o II Rock and Clown

13 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

A Praza da Feira da Estrada acollerá mañá sábado a II edición do Festival Rock and Clown. Un evento único en Galicia no que se mesturan ambos xéneros artísticos, na que promete ser, segundo os organizadores, unha xornada máxica e cargada de sorpersas. A partir das sete da tarde pasarán polo evento os locais John Deeres, a quen seguirá, Maika Makovski, Jango Edwards

The Soundtrack of Our Lives

TSOOL, como son coñecidos, é un grupo sueco, liderado polo carismático cantante Ebbot Lundberg, que mistura a potencia de The Who, os guitarreos dos Rolling Stones, e a psicodelia dos últimos Beatles. Nomeados en 2003 ao premio Grammy ao Mellor Álbum Alternativo, foron compañeiros de xira do grupo Oasis. As súas cancións forman parte de bandas sonoras de películas como En buena compañía (protagonizada por Scarlett Johansson), ou videoxogos como Gran Turismo 4. No Rock & Clown presentarán o seu novo disco, Golden Greats nº 1.

Vinila Von Bismark & The Lucky Dados

Despois do éxito obtido coa banda Krakovia (especialmente co seu single “Born in your city”), a raíña do Burlesque ataca de novo cunha nova proposta musical, The Lucky Dados. Con tan só 23 anos, esta artista é xa un personaxe icónico, cargado de misterio e sensualidade, e coñecida polas súas recargadas tatuaxes. Vinilla von Bismark únese a este trío madrileño de rockabilly para gravar The secret carnival. Partindo dun esquema clásico de contrabaixo, guitarra e batería, percorren as fronteiras do rock, o swing, e o calypso, nunha viaxe pola década dos 50 sen saír do século XXI.

Maika Makovski

Esta mallorquina cosmopolita comparte a súa vida entre Nova York e Barcelona, nos ratos libres nos que non está gravando en Inglaterra. A súa carreira é meteórica: con tan só 15 anos gañou o festival Pop Rock de Palma de Mallorca. A este premio, seguiron moitos outros, como o Altaveu Frontera '03, Balears Sona '02 ou o Eurofest '02 en Macedonia. Atópase nun dos seus mellores momentos, como demostra no seu terceiro e máis recente álbum, que lle valeu a portada da emblemática revista Ruta 66. O seu estilo resulta imposible de clasificar. Maika cita referencias musicais que van desde o punk de Stooges e Damned a Prince, o Delta Blues e Serge Gainsborough. A súa voz, sensual e cativadora, e a súa presenza hipnótica, tan só poden ser comprendidos en directo.

Dinero

Pese ao nome tan materialista deste power-trío, as súas cancións están feitas do mellor xeito posible: desde o corazón. Trátase dun grupo afincado en Madrid, cun estilo indie moi definido. Combinan guitarras duras e unha batería rápida con letras e cambios de ritmo que despertan a sensibilidade do público. Dinero é un grupo que en moi pouco tempo estará no máis alto do panorama musical español. O festival Rock & Clown será a oportunidade de coñecelos antes de que o seu nome estea en boca de todos.

John Deeres

Serán a representación do rock estradense no festival. O núcleo do grupo leva tocando xunto desde os tempos da secundaria. Agora, baixo a formación de quinteto, pasean o seu hard rock cantado en galego polos escenarios do país. Mesturan o rock clásico dos Purple, Sabbath, Led Zep e a psicodelia dos Pink Floyd, con referencias contemporáneas como Muse, Wolfmother ou Kings of Leon.

Jango Edwards

Nado en Detroit en 1950, Edwards ocupa, sen lugar a dúbidas e por dereito propio, un posto no podio do Clown actual. Trátase dun dos renovadores do xénero, un mito vivente que aplica á vez no seu espectáculo o sarcasmo, a tenrura, a ironía, a dozura, e a loucura. Para el, o clown non é un traballo, é un estilo de vida. Ao longo da súa carreira actuou para outros tolos sublimes como Dalí e Fellini. Francis Ford Coppola e os Rolling Stones considéranse fans devotos deste clown estadounidense. Sobre o escenario do Rock & Clown desatará o seu espectáculo Classics, que combina unha selección de mimo cómico e cancións, e nos que inclúe outros xéneros como maxia, acrobacias, cabaret...

Leo Bassi

Regresará á Estrada despois da súa espectacular presenza na edición do ano pasado, para exercer o papel de mestre de cerimonias do festival. Auténtico estandarte do clown máis provocador, encarna á perfección o espírito do Rock & Clown, nunha relación simbiótica. Se xa en 2010 deixou o listón moi alto coa súa aparición entre a multitude escoltado por 40 Harley Davidson, este ano promete superarse. Nin os poderes establecidos, nin o público que asiste aos seus espectáculos, e nin sequera el mesmo, están a salvo das súas gamberradas. Leo tan só respecta o seu pato xigante de goma, polo cal ten un afecto moi especial.

 

Cultura