Ler ciencia tamén en galego

A biblioteca de Fene apúntase cunha exposición
04 de Novembro, 2020 - 01:59 h. | Publicada por Radio Fene

A Biblioteca Municipal de Fene súmase á conmemoración do mes da ciencia en galego. Desde hoxe e ata fin de mes permanecerá aberta unha exposición de libros desta materia, para todos os públicos.

Trala exposición adicada a Carvalho Calero, a biblioteca municipal de Fene abre hoxe unha pequena mostra bibliográfica de contido científico, dirixida a lectores/as de todas as idades. A iniciativa encádrase na conmemoración do “Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas” que promove a Consellería de Cultura entre os centros da rede pública. O obxectivo é “sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica”.

A exposición “Mes da ciencia” inclúe unha selección de títulos para todos os públicos e idades como “Po de estrelas”, “Un ronsel de Ardora”, “As vidas de Galileo” ou “O valor das ideas” (no campo de literatura infantil e xuvenil); “Miscelánea Zoolóxica”, “Cando as estrelas caen do ceo”, “Suma da lóxica” ou “Verbo da teoría da relatividade” (para adultos). A mostra permanecerá aberta até o 30 de novembro no horario habitual da biblioteca: de luns a venres, de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.

Os domingos e festivos estará pechada. Dende a Biblioteca de Fene lémbrase que, coas actuais restricións derivadas da pandemia por Covid 19, esta instalación municipal abre ao público no horario anteriormente mencionado, sen necesidade de cita previa pero con aforo limitado. De todos os xeitos, como o acceso aos fondos e o movemento de persoas están restrinxidos dentro da instalación, para axilizar os préstamos recoméndase chamar (981 342 302) ou enviar un correo electrónico (fene.rbgalicia@eidolocal.es) e facer unha reserva anticipada dos materiais (libros, revistas, cd´s...).

Cultura

Publica o teu comentario agora