A liberdade de elección cando se fala de educación

A liberdade de elección cando se fala de educación
16 de Xaneiro, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

A LOMLOE, a nova lei de educación aprobada no mes de novembro polo Congreso dos Deputados chegou rodeada de moito ruído, como sempre que se modifica unha lei de educación, porque hai moito en xogo, moitos cartos e moita ideoloxía.

Enténdese por educación o proceso polo cal se transmite o coñecemento, os hábitos, os costumes e os valores, dunha sociedade á seguinte xeración. A educación é un dos factores que mais inflúe no avance e progreso das persoas e das sociedades. Ademais de promover coñecementos, enriquece a cultura, o espírito, os valores e todo aquilo que nos caracteriza como seres humanos. Estas son as básicas definicións que unha atopa cando busca o significado de tal vocábulo. Así se entende que cada vez que cambia o signo político e ideolóxico do goberno, asistamos a cambios que traen como resultado unha nova lei de educación, rodeada de moita polémica e moito ruído.

A LOMLOE (Lei Orgánica de Modificación da Lei Orgánica de Educación) da ministra Celáa non ía ser menos. Aprobouse no Congreso dos Deputados o día 19 de novembro por maioría dun voto. Non é de esperar nunca o consenso porque o asunto é extremadamente delicado e ambicioso para calquera das partes en conflito. Hai un primeiro aspecto, non menor, que centrou o debate parlamentario e entre a sociedade civil; os cambios que a nova lei introduce en relación cos centros de ensino concertados-privados. A nova lei tenta corrixir os excesos introducidos na anterior lei Wert, aprobada coa maioría absoluta do PP, a favor dos centros concertados. A dereita oponse a estes cambios amparándose en que “coartan a liberdade dos pais a elixir a educación que queren para os seus fillos”. Pero unha cousa e outra non son comparables, non son a antítese.

Os centros concertados privados reciben axudas públicas a cambio de respectar unha serie de condicións que deben cumprirse. A nova lei de educación ven reforzar o control para que se cumpran. Por exemplo, que os centros privados non poden recibir subvencións públicas se discriminan por sexo porque iso vai en contra da Constitución onde se defende a coeducación. Por exemplo a entrega de chan público para construír novos centros privados, ou aínda poñer freo á discriminación no acceso de alumnado procedente de sectores vulnerables, como inmigrantes ou alumnado con distintas capacidades. Somos herdeiros aínda da estreita alianza do estado franquista coa igrexa católica que monopolizou durante moitos anos o control do ensino. A transición española foi moi condescendente e permisiva co peso do ensino privado, daí a belixerancia da dereita e dos poderes eclesiásticos con calquer intento de consenso diante dun modelo educativo que pretenda adaptar a nova lei aos ideais laicistas que separen o poder público da confesionalidade relixiosa. Véxase senón a polémica desatada cando se pretende retirar do ensino a relixión como materia avaliable.

O segundo aspecto do debate provocado pola lei Celáa foi a exclusión do castelán como lingua vehicular. Foi a lei Wert a que por primeira vez incluíu este aspecto, descualificando o uso da pedagoxía de inmersión lingüística. Segundo apunta o filósofo e profesor Miguel Vázquez Freire no seu articulo “As trampas do consenso” no número 284 da revista Tempos Novos, hoxe as estatísticas demostran que a gran maioría da poboación catalá – única comunidade autónoma na que se aplica de forma xeneralizada o uso do catalán no ensino- domina perfectamente o catalán sen por iso ser menos competentes en castelán. Conseguiron cumprir o obxectivo do seu estatuto de autonomía, de garantir a plena competencia nos dous idiomas, recollido por certo no estatuto de autonomía galego, con lamentables resultados. Di Vázquez Freire que o mesmo que uns interesados din que o catalán ten sido un instrumento decisivo para o triunfo das teses independentistas- cousa dubidosa-  a mesma instrumentalización política se pode achacar ao nacionalismo españolista cando alega que “está en xogo a unidade da Patria”. (continuará).

(Foto de fene.com. Escolares de Magalofes. Curso 1950-1951).

Cultura

Publica o teu comentario agora