Lili Cuartel en Caranza

Lili Cuartel en Caranza

10 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Cultura de Ferrol trae este domingo, día 12, ao Centro Cívico de Caranza a obra teatral “Lili Cuartel”, a cargo do grupo Carfax Teatro de O Burgo (Culleredo) e da que é autor Manuel Lourenzo. O espectáculo forma parte da novena edición do ciclo “Domingos a Escena”, e comezará ás sete do serán, con entrada libre e gratuíta para todas aquelas persoas que se queiran achegar ata este barrio ferro

Baixo a dirección do propio autor, “Lili cuartel” é unha comedia sobre as vivencias dunha estraña compañía de variedades de visita nun estraño cuartel dun estraño país. Alí, no comedor “Batallón Al Karagulli”, especialmente engalanado para a ocasión, o colectivo teatral Culleredo Varietés actuará para a tropa co seu espectáculo de arte “Lili Cuartel”, nun magnífico xesto de solidariedade sen fronteiras. O espectáculo conta cunha duración aproximada de 50 minutos. Forman o reparto os actores Paco Alvarellos, Marta Leira, Carmen Barba, José León, Maruxa V. Boquete, Ana Vázquez e Cecilia Bermúdez. Tamén Julia Miguel, Carmina García, Ita García, Raquel Rodríguez, Angela Granero, Anabel Vergara e Carlos Lafuente.

 

Carfax Teatro naceu ao abeiro da Escola Municipal de Teatro de Culleredo rexida pola dirección do estudio Casahamlet. Debutaban no ano 2005 coa obra “A estación do vento”, baseada en textos de Alvaro Cunqueiro. Logo virían a propia “Lili Cuartel”; “O cuarto do príncipe” e “Transilvania”.

 

Con respecto ao ciclo de teatro afeccionado “Domingos a Escena”, no que se enmarca esta representación, cómpre lembrar que se poñía en marcha o pasado 21 de setembro coa obra “Que viene mi marido” da Compañía Obradoiro de Teatro de Mugardos. A primeira fase do ciclo remataba o 21 de decembro e supuxo a posta en escea de 14 obras de teatro de compañías procedentes de toda Galicia.

 

A segunda e última fase desta nova edición comezou o 11 de xaneiro coa obra “A retirada de Napoleón” e outras 14 pezas e rematará o vindeiro domingo 19 de abril, da man do grupo ferrolán “Ad Líbitum”, que representará “A Mansión”. Finalmente elixirase ao gañador do premio á mellor representación, un galardón incorporado pola Concellería de Cultura nesta novena andaina e dotado con 1.500 euros e a oportunidade de representar a obra gañadora no Teatro Jofre.

Sociedade