Limodre: 20 anos de Pop

O Felicia Pop celebrase o 12 e 13 de outubro con entrada de balde
04 de Outubro, 2018 - 10:16 h. | Publicada por Radio Fene

O festival muda algunhas cousas neste vixésimo aniversario, entre elas cambia o nome polo de Felicia Pop Festival. Tamén cambia de lugar, volvendo á pista polideportiva da parroquia.

ESCOITA O PODCAST:

"Que 20 años no es nada..." cantaba o gran Gardel. 20 anos cumple o Felipop de Limodre. O festival muda algunhas cousas neste vixésimo aniversario, entre elas cambia o nome polo de Felicia Pop Festival. Tamén cambia de lugar, volvendo á pista polideportiva da parroquia. E a data tamén mudou, probando nesta ocasión os dias 12 e 13 de outubro.  E mudou a entrada que desta vez será de balde. Sabiades que Xoel López estivo alí, no Felipop nº 0, no local Juan Varela de Limodre en 1998 coa súa banda? O xornalista Nicolás Vidal pode contalo porque el estaba alí. E con el falamos do Felicia Pop, porque disfruta e entende desta música, porque é colaborador e seguidor incondicional do festival desde os seus inicios. Antes de meternos no programa, topamos con outra non menor novidade. O venres 12 ás nove da noite, antes do empezo do festival previsto para as dez, temos baixo a mesma carpa un momento gastronómico cos callos para facer cama ao que nos depare a noite. Repetirase momento gastronómico ao día seguinte na sesión vermout.

Programa musical do Felicia Pop Festival 2018

O venres 12 teremos a oportuniddae de ver o rock sureño dos ferroláns Jaime Fifthring & The Cofee Breakers e de novo a Bang 74, pechando os poderosos carballeses Aula 11.

O sábado 13 haberá unha sesión vermú da man do ilustre cantautor limodrés Roger de Flor que estará acompañado dos seus habituais músicos e bailaríns. Xa pola noite, a partir das 22.00 horas, a diversión está aseasegurada con catro bandas recoñecidas pola súa "enerxía". Comezarán os bilbaínos Bonzos, con novo disco, os barceloneses Mujeres; a gran atracción deste ano son os británicos The Primitives, unha banda icónica dos 90 que sempre foi moito máis que o megahit “Crash”. Pechará a velada o ye-yé festivo dos barceloneses Retrovisores, fillos espirituais de Rafael Trabucchelli e o son Torrelaguna.

Tanto o venres como o sabado, ao remate dos concertos, un fato de reputados picadiscos animará a sesión afterhours no local social da vella escola. Como en ocasións anteriores, será habilitado un camping  gratuíto con duchas no campo de fútbol do Limodre a 300 metros da pista polideportiva. Organiza a asociación cultural Felicia e colaboran o Concello de Fene, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

Cultura

Publica o teu comentario agora