Limodre demánda a ampliación da fibra óptica

A veciñanza iniciou unha campaña de recollida de sinaturas e o concello solicitou xuntanzas coa operadora
26 de Outubro, 2020 - 04:51 h. | Publicada por Radio Fene

A veciñanza de Limodre iniciou hai escasos días unha campaña de recollida de sinaturas para que Movistar e maila Xunta lle dean unha solución aos problemas de acceso á banda larga que existen en parte da parroquia. Denuncian que a fibra óptica chegou xa á zona do Camiño Grande e parte de Almieiras, pero que non prosegue cara ao sur, de maneira que outras 60 vivendas -situadas na súa maioría nos lugares do Cotillón, O Castelo, A Fonte a Estrada de Laraxe e A Areosa- non dispoñen do servizo. O Executivo local reuniuse hai uns días con veciñas e veciños afectados e, ademais de sumarse á súa reivindicación, xa solicitou encontros urxentes coa AMTEGA e con Telefónica para buscar unha solución.

A compañía Telefónica de España S.A. é a encargada de levar adiante o plan de extensión de banda larga en núcleos de poboación de 181 concellos de Galicia sen un acceso a internet de calidade, como adxudicataria dunha subvención de máis de 14 millóns de euros outorgada pola Xunta con fondos FEADER. O plan marcaba que no horizonte deste 2020 deberían achegarse infraestruturas de fibra óptica e velocidades de conexión de 100 "megas" para un total estimado de 74.400 veciños e veciñas das catro provincias galegas pertencentes a núcleos de poboación con menos de 300 habitantes. Fene foi un dos territorios incluídos nese despregamento que, no caso de Limodre, só chegou até a zona do Camiño Grande e parte de Almieiras, pero non ás vivendas situadas no Cotillón, O Castelo, A Fonte, a Estrada de Laraxe ou A Areosa, entre outros lugares. E iso a pesar de que, tal e como denuncian os veciños, a rede de fibra óptica remata en tres puntos próximos que farían doado cubrir o que falta de territorio e darlle servizo a arredor de 60 domicilios máis.

O Goberno municipal reuniuse hai escasos días con varias persoas afectadas para abordar a cuestión e sumar o Concello á demanda de que se amplíe o alcance da fibra. De feito, a veciñanza xa iniciou unha campaña de recollida de sinaturas con esta reivindicación e denunciando, ademais, que nuns casos Movistar "realizou contratos a diferentes usuarios sen chegar a materializar o servizo" e que, noutros, a conexión nin sequera se oferta "a pesar das intensas campañas publicitarias". Neste sentido ínstase á Xunta de Galicia, como organismo "que ten subvencionado a implantación de internet", a que "tome medidas" para que a fibra chegue á totalidade da parroquia. As follas da recollida de sinaturas tamén se dirixen á comercializadora de Telefónica pedíndolle "a axilización da implantación dos servizos" e, en terceiro lugar, solicitan do Concello o apoio para estas demandas.

Desde a Alcaldía xa se cursaron dúas comunicacións dirixidas á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Telefónica solicitándolles unha xuntanza paraesixir solucións e, en calquera caso, información precisa sobre cando se ten previsto darlle servizos de banda larga en igualdade de condicións aos domicilios que de momento non teñen acceso a eles. re a que planea a posibilidade dun novo confinamento. Segundo explicou Juventino Trigo "un bo acceso a internet é fundamental, e máis aínda neste momento en que depende del que moita xente poida  teletraballar e que os nosos nenos e nenas poidan recibir as súas clases se hai que volver quedar na casa".

Sociedade

Publica o teu comentario agora