Limpamos máis que nunca

Limpamos máis que nunca
25 de Marzo, 2020 - 09:56 h. | Publicada por Radio Fene

O servizo de recollida do lixo común e dos voluminosos continúa en Fene durante a crise coa mesma frecuencia porque pode aumentar ao pasar a veciñanza máis tempo na casa. Fene incide na limpeza dos espazos públicos máis frecuentados durante a crise.

ESCOITA O PODCAST:

Desinfección e limpeza

Fene está incidindo estes días na limpeza e na desinfección dos espazos públicos. O plantel de Obras e Servizos ten ese cometido amáis doutras pequeñas actuacións na vía pública. A concelleira responsable desta área, Mar Piñeiro, programou este cometido especial no mobiliario urbano, en parques, pasamáns, e en xeral no entorno dos lugares máis frecuentados polos cidadáns; farmacias, supermercados ou centro de saúde. Todo o plantel traballa en limpreza pero tamén en pequeñas obras de sinalización vial ou nos espazos verdes que ofrecen maior seguridade.

Recollida do lixo

Piñeiro explica que Fene decidiu continuar co servizo de recollida do lixo habitual e coa recollida de voluminosos, esta última os mércores e xoves, porque neste tempo de aillamento nos domicilios xenérase tanto ou máis lixo que antes da situación de alarma. Comenta Piñeiro que a xente está tantas horas na casa que unha das maneiras de pasar o tempo é limpar e desfacerse de cousas inútiles. “Os voluminosos incrementáronse” afirma a responsable de Obras e Servizos de Fene. Ata unha lavadora vella sacaron á rua estes días. Todos os traballadores dispoñen de material de seguridade, luvas e máscaras, aínda que agora mesmo están xustos, recoñece Mar Piñeiro, quen ten solicitado novo material á FEGAMP.

Centro de saúde de Maniños

Preguntamos a Mar Piñeiro polo peche do Centro de Saúde de Maniños e nos explica que se trata dun peche temporal.A Xunta explicou que é un centro con moito risco de contaxio, onde se reúne moita xente maior, por iso decidiron pechalo e centralizar a atención no centro do Tarrío en Fene, a onde destinaron temporalmente ao personal de Maniños. Non dubida Mar Piñeiro en reiterar que nos quedemos na casa.

Quedar na casa

Segundo as súas palabras, a veciñanza de Fene respecta a situación de alarma e agradécelles que sexan conscientes da situación. Piñeiro acordouse dos máis pequeños que son dos máis afectados polo aillamento domiciliario e convídanos a fixarnos nos debuxos infantís que aparecen nos balcóns e fiestras de Fene con lemas feitos polos nenos e nenas durante o confinamento. Conclúe Mar Piñeiro coa boa nova de que, de momento, non temos ningún afectado polo coronavirus en Fene.

Institucional

Publica o teu comentario agora