A limpeza de praias asegurada

Fene poderá contratar a 13 persoas grazas ás subvencións de Deputacion e Xunta
22 de Maio, 2019 - 01:05 h. | Publicada por Radio Fene

Xunta e Deputación aprobaron subvencións por valor superior aos 161.000 euros para proxectos presentados polo Concello de Fene. As axudas permitirán a contratación de 11 peóns e un oficial albanel así como un técnico de turismo e os servizos dunha empresa para a limpeza de praias.

Almieiras

A Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Deputación da Coruña veñen de confirmar a Fene a aprobación de subvencións e axudas por valor de 161.325,80 euros que irán destinados ao financiamento de diferentes proxectos presentados pola Administración local. En concreto, o Concello contratará seis peóns e un oficial albanel, por espazo de 4 meses, para a recollida de residuos, limpeza viaria, pavimentación das vías públicas, mantemento e acondicionamento de parques ou execución de pequenas obras de reparación. Será cunha achega de 51.721,08 euros procedentes do programa de integración laboral da Deputación (PEL Concellos).

A mesma administración colaborará con 10.373,60 euros á contratación dunha empresa para a limpeza de praias (Río Sandeo, Coído, Almieiras, Ríoi Castro, Maniños e San Valentín) durante tres meses, e con outros 10.000 euros para a contratación dunha persoa técnica de turismo durante catro meses que ofrecerá asesoramento e atención na Oficina Municipal de Turismo.

Por último, o Concello recibirá da Deputación unha subvención de 3.061,30 euros para a organización da segunda edición do Festival das Ondas. Así mesmo, dende a Consellería de Economía, Emprego e Industria confirmouse unha achega de 86.169,90 euros para a contratación de cinco persoas perceptoras de RISGA como peóns de limpeza viaria, durante 9 meses e cunha xornada do 75%.

Institucional

Publica o teu comentario agora