Listo o camiño do Ameneiro

Outra vella reivindicación veciñal.
17 de Xaneiro, 2020 - 08:01 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene conclúe o aglomerado do Camiño de Ameneiro en Sillobre. A actuación realizada contou cun orzamento superior aos 40.000 euros.

O Concello de Fene vén de concluír as obras de aglomerado do camiño de Ameneiro, na parroquia de Sillobre. Investíronse 40.472,36 euros con cargo ao Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

A intervención dá resposta a unha demanda histórica dos veciños e veciñas de San Marcos, pero ata o momento incumprida polas limitacións que traía consigo a presenza dunha árbore centenaria na zona, sita en propiedade privada.

Tras décadas de inacción, en 2018, a Concellería de Servizos realizaba unha pequena intervención e, ao final da pasada lexislatura, o goberno incluía a actuación agora realizada nesta liña de axudas. Estableceuse o aglomerado nun ancho de vial inferior á previsión do Plan Xeral de Urbanismo, pero con marxe suficiente para garantizar a circulación polo mesmo e dar solución ao seu grave estado de deterioro.

Actuouse ao longo de 450 metros, e ancho variable. O vial dá acceso, dende a estrada CP-1503, aos núcleos de A Curveira e Vrea e as obras dividíronse en dúas fases: dende o P.K. 0+000 ao P.K. 0+258,614 e dende este último ao P.K. 0+450.

Institucional

Publica o teu comentario agora