A literatura ao podcast

A literatura ao podcast
16 de Decembro, 2020 - 09:18 h. | Publicada por Radio Fene

A literatura galega chega neste mes de decembro a un formato en auxe, o podcast. Quizais faga falla unha mirada sosegada e profunda do que supuxo a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1980. O texto aprobouse en referendo o 20 de decembro de 1980, con cotas moi baixas de participación e de aprobación. Foi un Estatuto que case ninguén quería, porque fixaba unhas cotas de autonomía menores que as marcadas para Cataluña ou para Euskadi. O “aldraxe” ou “frustración” eran denominacións dun proceso que contou coa oposición das forzas nacionalistas. Querían superar o marco político do franquismo.

Antonio Tizón, nos estudios de Radio Fene

Os promotores do podcast tratan de contar historias que ninguén espera, con voz propia e ao mesmo tempo construír a marca de Radiofusión con novos formatos.

O podcast "Un home estraño" de Antonio Tizón e dirixido por Eugenia Sanmartín poderá oírse en Radio Fene Radiofusión, diariamente a partir do luns dia 21 deste mes de decembro e ata o oito de xaneiro. Todos os dias as dez da mañá e despois do informativo das dúas e media da tarde. A elaboración do guión radiofónico é un traballo en equipo, segundo o escritor Antonio Tizón.
O podcast Un home estraño, con música de Miro Casabella, está dirixido na súa adaptación radiofónica por Eugenia Sanmartín e será emitido por Radio Fene Radiofusión ás 10 e ás 14:30 horas a partir do luns 21 de decembro. Finalizará a serie o 8 de xaneiro. Participan como actores e actrices Óscar Gaez, Helga Méndez, Franki Muíño, Luis Pillado e Roger de Flor, co control de son de Xabier Fernández e a colaboración especial de Cándido Barral e Leo Toral. É xente con profesionalidade e formación, para a directora do podcast Eugenia Sanmartín.

En 1980, na Transición, en pleno debate sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, o inspector Xosé Sánchez Pereiro, enfróntase ao primeiro caso de asasinato da súa carreira: o crime de Manuel Ferro, un arquitecto do concello da Coruña. Está de alcalde Domingos Merino, de Unidade Galega. Nese contexto realista, aparece un home estraño que semella vivir á marxe da sociedade da súa época...
Esta é parte da trama de 'Un home estraño', un libro de Antonio Tizón, editado por Edicións Xerais de Galicia en 2018 e que gañou o VI Premio Cidade Centenaria de Ribeira. Un libro que, agora, é o primeiro que se adapta en Galicia ao formato podcast cunha serie de 13 capítulos a partir dun guión do propio Tizón.
É esta a segunda entrega dunha serie que ten como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, e que, en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas, o tema catalizador, que non único, da enfermidade mental. A esta serie pertencen así mesmo A antesala luminosa (2015) e Os incurábeis (2020).

 

(Fotografía: Xan Xe Corral)

 

Cultura

Publica o teu comentario agora