Localizada unha maleta con 600.000 euros ao electricista do Códice Calixtino

Localizada unha maleta con 600.000 euros ao electricista do Códice Calixtino

09 de Xullo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A policía localizou a maleta cunha cantidade "próxima" aos 600.000 euros substraídos supostamente polo electricista que roubou o Códice Calixtino, Manuel Fernández Castiñeiras. Así o confirmou o xuíz que instrúe o caso, José Antonio Vázquez Taín. A valixa foi achada esta madrugada no patio de luces da vivenda do detido pola substracción, no Milladoiro en Ames.

O arrestado asegurara nos interrogatorios que desaparecera a maleta con 600.000 euros. Con esta cantidade, elévase a 1,8 millóns de euros o diñeiro que a policía atopou dos roubos perpetrados por Fernández durante anos no templo compostelán.

O detido atópase en prisión provisional desde o pasado venres tras recoñecer a autoría do roubo e pasar a disposición xudicial. Os investigadores tiñan coñecemento da existencia da maleta porque Fernández rexistraba nun diario manuscrito o que levaba da basílica.

É o seguinte capítulo de caso desde que o pasado mércores foi achado o Códice Calixtino durante un rexistro que tiña precisamente por obxectivo atopar a maleta. O libro do século XII, de valor incalculable e roubado hai un ano, foi devolto onte domingo á basílica compostelá nun acto protagonizado polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Sociedade