Localizar empanadas no mapa

Localizar empanadas no mapa
12 de Maio, 2020 - 09:42 h. | Publicada por Radio Fene

O Atlas da empanada é unha colección de sitios onde se fan empanadas, cada unha do seu pai e nai. É tan prolífica a produción de empanadas no noso país que é imposible para o autor Antonio M.Fraga escoller unha. "Un forno lento e a empanada na boca" afirmaba Álvaro Cunqueiro.

ESCOITA O PODCAST:

Confesa que todas non as probou aínda pero xa está publicado o Atlas da empanada de Antonio M. Fraga, unha colección de fornos, tabernas,  despachos con sona polas súas empanadas. “Quédome coa de liscos feita no forno de leña da miña avoa” confesa de entrada. O autor define a empanada como “a perfecta combinación do sector primario de Galicia”, polos produtos do mar e o cereal da terra. O Atlas da empanada naceu froito de varias casualidades. Un día apurado porque tivo que ir ao hospital e non tiña tempo para facer o xantar, mercou unha empanada. “Comíase pero non era excelente” afirma Antonio. Así que quixo facer unha brincadeira en twitter na pescuda dunha empanada excelente e empezaron a choverlle centos de propostas de onde están as mellores empanadas. Acto seguido subiunas a google maps.

Antonio M.Fraga non é quen de definir cal é a mellor empanada, cada quen ten os seus gustos e hai moitos tipos de masa e de recheo. Porque a empanada é un dos pratos máis significados da gastronomía galega que xunto ao polbo e o marisco forman o “gran triunvirato”. O autor do Atlas da empanada inclínase pola masa de millo e, de zaragallada, escollería o bacallau. Recoñece que cada zona ten a súa preferencia pero nalgúns sitios solápana. Confesa que non chegou a probar a empanada aberta de raia de Cedeira nin a de centola do Morrazo. Hainas máis exóticas como a de Lobios, feita con atún e estrugas, á do Bierzo bótanlle pataca.

Antonio M Fraga non se atreve a incluír a costrada de Pontedeume no mapa mentres ninguén llo propoña. Pola contra xa aparece o pastelón de Cedeira porque llo fixeron chegar. "Non quero meterme", afirma. Recoñece que para facer unha boa empanada todos os ingredientes deben ser bos, e cita á cebola particularmente. El distingue a "chata" de Miño. O Atlas da empanada, conclúe o autor, é un ente vivo que pode medrar. Pode consultarse en olugardosapo.wordpress.com

 

 

Cultura

Publica o teu comentario agora