Luar na Lubre actuará este ano na Festa do Requeixo da Capela

Luar na Lubre actuará este ano na Festa do Requeixo da Capela

17 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Arredor de 2800 vacas viven na Capela. Elas producen o leite para a vixésimo segunda festa do requeixo. O saneamento gandeiro aplicado na década dos 80 permite que este municipio se gabe de producir os mellores leite e requeixo de Galicia, segundo salienta o alcalde Anxo López Sueiro. Entre As Pontes, Cabanas e Fene preparan para o domingo dia 29 unha nova edición da Festa do Requeixo.

A Festa comezará ás once da mañá con  exposicións de artesanía, maquinaria agrícola e manualidades, contando así mesmo coa actuación do grupo de gaitas Os Xotas. Á unha do mediodía procederase á lectura do pregón, que nesta ocasión correrá a cargo de Benigno Campos, do programa Larpeiros da Televisión de Galicia. Media hora máis tarde volverá de novo a música, nesta ocasión da man da Banda de Música Santiago de Arteixo, para a continuación comezar coa repartición do requeixo, distribuíndose do mesmo xeito que outros anos miles de tarrinas con esta sobremesa. O ambiente festivo continuará durante toda a xornada, xa que a partir do cinco soarán as gaitas de Alfaia e as sete Muxarega, quen anticipará o prato forte da sesión a nivel musical prevista para as 21.30 horas. Subirá ao escenario o grupo Luar na lubre, quen se encargará de pechar a festa de exaltación dun produto natural elaborado con leite da mellor calidade.Como anticipo á festa, o venres 27 celebrarase o V concurso de receitas con requeixo e o sábado 28 o festival e concurso de maquetas Rockeixo 2010.

Sociedade