Lugo e a Terra Chá están no podio das zonas mais seguras de España

Lugo e a Terra Chá están no podio das zonas mais seguras de España

05 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Estes datos supoñen unha continuidade nas taxas dos últimos anos e do posto ocupado con relación ao resto das provincias do Estado Español. Cuestión importante para Vilalba, xa que a demarcación territorial do seu Posto da Garda Civil, composto por un total de 16 efectivos, é a máis grande de toda a provincia lucense, ao contar cun total de 15.437 habitantes.

Os delitos esclarecidos por esta demarcación no ano 2009 experimentaron un descenso do 0,37 en relación ao 2008. No apartado de lesións tamén cabe destacar unha caída dun 40% nas lesións e un descenso do total de delitos contra a liberdade sexual dun 66,67%.

En canto á evolución da delincuencia apréciase un incremento pouco significativo do 0,75%, así como un descenso das faltas e un leve incremento do número de delitos. Neste último caso débese ao aumento dos delitos contra a seguridade do tráfico, dada a aparición de novas figuras penables nesta materia, como consecuencia da modificación do código penal que modificou as que eran sancionables desde o punto de vista administrativo e na actualidade son perseguidos por vía penal.

Outro dato positivo foi o nivel de delitos esclarecidos en Galicia. A cifra do ano pasado foi dun 69,25 % dos casos denunciados que foron resoltos, cando unha boa media é o 35%.

O propio Portomeñe afirmou que estas cifras poñen de manifesto que Lugo “é unha provincia moi segura, polo que a xente non debe ter inquedanza na súa vida diaria”. Sobre o tipo de delitos, o representante do executivo en Lugo apuntou que eran “os habituais, principalmente roubos, delitos contra o tráfico, pero non homicidios nin casos graves”.

O subdelegado dixo que un dos feitos diferenciais na clasificación con respecto a Badaxoz e Navarra é que Lugo ten costa, o que aumenta o número de denuncias. “O maior número de delitos de Lugo con respecto ás outras dúas provincias pódese explicar pola presenza da Mariña, que, por causas estruturais, é mais industrial, mais poboada e recibe mais visitantes”. A continuación adiantou que desde o seu organismo estase a traballar “para coordinar unha serie de medidas destinadas a evitar o aumento da delincuencia na costa luguesa durante os períodos álxidos de visitantes, como pode ser a Semana Santa”.

Sobre o índice na Terra Chá, Portomeñe estableceu que era unha comarca “case sen incidencias, no que non se constata a presenza de bandas , nin tan sequera de forma incipiente”.

 

Pola súa banda, o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, agradeceu o esforzo dos corpos e forzas de seguridade do Estado e da Policía Local, “para manter segura a nosa vila e a nosa comarca”. Criado congratulouse destes bos datos pero tamén quixo incidir na necesidade de “traballar todos unidos e extremar as medidas para que a situación continúe da mesma maneira”.

Sociedade