A luz e a música do FIV tinguirá a miles de persoas de fucsia en Vilalba

A luz e a música do FIV tinguirá a miles de persoas de fucsia en Vilalba

18 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os asistentes ao Festival Independente de Vilalba (FIV) vivirán baixo a luz fucsia un dos eventos musicais do verán lucense. A partir das 22 horas do vindeiro sábado 21 de agosto, a praza da Constitución tinguirá a súa cara e a carpa do concerto desta cor como xeito de crear unha imaxe corporativa e que a música de Love of Lesbian, Estereotypo  Zentricc, os londinienses Eat More Cake e Zinc So! Teña un carácter especial.

O Primeiro Tenente de Alcalde da capital da chaira, Jesús Bermúdez, xunto co representante de Estrella Galicia, Santiago Miguélez, presentaron esta cita vilalbesa, que tenta competir en importancia e crecemento cos principais festivais de música do verán en Galicia.

“Este festival está en crecemento. Como non é flor dun día, senón que será unha data con continuidade o que pensamos é que creza cada vez mais. Por iso este ano, no que traballamos a reo para que fose coñecido noutras zonas da nosa comunidade e en España, fixemos unha boa promoción de xeito que esperamos superar ampliamente as 1.500 persoas do 2009”, admitiu Bermúdez.

Pero o que destacou o responsable municipal foi, “mais que un número de asistentes”, a busca “da fidelización da xente que veña a Vilalba. Queremos que os que veñan estean cómodos, que lle guste o que programamos e que veñan moitos anos mais”.

Para elo habilitaron unha zona de acampada gratuíta de 1.800m2, con vestiarios masculinos e femininos, con 2 WC e 6 duchas para cada un deles. Esta zona estará situada no Estadio Roca, que os visitantes poderán atopar a menos de 450 metros do lugar onde se desenrolan os concertos, na Praza da Constitución, podendo acceder ao recinto vilalbés pola rúa Benxamín Paz, fronte ao Centro de Saúde da vila.

Horarios de actuacións
Bermúdez tamén adiantou os horarios, sempre aproximados, dos grupos que compoñen este festival. Así, ás 22 horas serán os lucenses Zin So ! os que comezarán a tocar. Unha hora mais tarde, os londinenses Eat More Cake achegarán o seu Trip Hop ata o escenario antes de que, contra as 00.15 horas, os bilbaínos Zenttric acheguen o seu indie pop aos asistentes. Xa para as 01.30 horas chegará o prato forte da man dos cabeza de cartel, os cataláns Love of Lesbian, mentres que o fin de festa correrá a cargo da música electrónica de Stereotypo, sobre as 03.15 horas. O propio concelleiro vilalbés dixo que habería unha sorpresa final, pero non revelou ningún detalle da mesma.

Mercadillo

Ademais, o FIV 2010 contará cunha zona de mercadillo que estará ubicada nos soportais da praza da Constitución para poder mercar desde camisetas ata comida ou bebida. A instalación dos postos é gratuíta pero é condición indispensable pórse en contacto con Concello, pudendo realizarse a través do mail f.i.v@hotmail.com ou na web www.vilalba.org/fiv. O prazo remata o venres.

Fotografías de autor para o FIV 2010
As instantáneas do FIV terán firma de autor. O fotógrafo oficial do Festival Internacional de Benicássim, Javier Rosa, confirmou a súa presenza entre os asistentes ao evento de Vilalba para formar parte do equipo que dará cobertura informativa ao concerto chairego a través das redes sociais e as revistas especializadas en música independente.

Esta incorporación será decisiva, segundo o responsable local, para impulsar a imaxe deste evento e “dará un salto mediático moi importante de cara ao FIV 2011”. A consolidación deste festival como un dos principais do verán galego está detrás desta contratación, posto que, segundo Bermúdez, “somos conscientes de que a imaxe é unha parte importantísima en calquera espectáculo, polo que consideramos que a súa contratación é un paso máis cara ao crecemento e consolidación do FIV como festival de referencia no norte de Galicia”.

Festa de presentación
O xoves 19 de agosto terá lugar, nunha das principais salas de concertos do norte de España, a Le Club, en A Coruña, a Festa de Presentación do FIV 2010. Este aperitivo será a primeira oportunidade de poder ollar na súa salsa a unha das bandas que se subirán ao escenario fucsia da Praza da Constitución o sábado 21 de agosto. Os londinenses Eat More Cake despregarán a súa mestura de dance, hip-hop e down no local herculino como anticipo do que os “fivvers” poderán atopar na capital da chaira.

Pero o cartel da presentación non conta unicamente cos británicos, senón que tocarán en Le Club, Niño Burbuja, un grupo madrileño que dará que falar nos vindeiros anos e que xa publicou dous EP´s con boas críticas e unha importante presenza dentro do panorama indie nacional.

Apoio de Estrella Galicia
A marca cerveceira galega, a través do seu representante Santiago Miguélez tamén expresou a súa seguridade “no éxito dun evento que está en crecemento e que nós apoiamos desde o primeiro momento, porque cremos en festivais como este, que son os que precisan do noso apoio. A nosa marca está presente tanto en festivais de importancia como o Sónar e outros mais pequenos como o FIV”.

Sociedade