Luz para o Faro de Lariño

Luz para o Faro de Lariño

18 de Setembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O movemento veciñal en defensa do Faro de Lariño logrou a súa primeira vitoria. Foi durante unha reunión coa directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, responsable da xestión do Faro de Punta Insua, á que asistiron Marcos Rama, portavoz de SALVEMOS O FARO e presidente da AAVV Insua de Lariño, xunto co alcalde de Carnota, Ramón Noceda.  A delegación carnotá logrou arrincarlle a Portos o compromiso de que abrir&aacut

Dende que se completou a automatización da lanterna e o último fareiro abandonou a zona, todo o entorno do Faro estaba valado e a entrada clausurada mediante un portal metálico que impide a entrada a veciños e visitantes. De cumprirse o compromiso de Portos, en poucos días o portalón será historia e, por fin, todo Lariño e Carnota poderán acceder ao entorno do faro coa normalidade con que o pode facer en calquera faro do País.

A cesión do Faro terá que agardar

Sen resolver quedou a cuestión da utilización social do faro. Non é tanto que Portos, veciños e Concello non teñan sintonía sobre os uso social que se lle quere dar, senón as condicións para poder facelo, absolutamente prohibitivas. A Autoridade Portuaria asegura que a cesión de utilización do Faro a calquera actividade suporá un canon de 14.000 euros anuais, ao que habería que sumarlle un 8% dos beneficios en caso de albergar algunha actividade que xere ingresos económicos. A representación carnotá amosou a súa estupefacción porque a iniciativa  pretende recuperar para o seu disfrute social un edificio que leva anos en desuso e que ademais ameaza ruína, sen necesidade de afectar en absoluto a súa actividade orixinaria pois coa automatización só emprega a torre da lanterna.

Deste xeito, aínda que se constataron discrepancias polas condicións abusivas impostas por Portos para esta cesión, veciños e Concello confían en que no futuro a Autoridade Portuaria comprenderá que esta medida é a mellor solución para recuperar o Faro de Lariño para o beneficio de toda a sociedade, e agarda que nas próximas semanas flexibilizará a súa postura para que o futuro do Faro de Lariño non penda dunha simple cuestión economica.

Xornada de portas abertas

A Autoridade Portuaria non autorizou de momento a xornada de portas abertas que SALVEMOS O FARO programaran a final deste mes, co argumento de que non é boa a afluencia multitudinaria ao faro a causa do seu mal estado. A representación carnotá explicou que non teñen ningún inconvinte en que a visita se poida desenvolver con grupos reducidos de veciños e baixo a supervisión técnica de Portos, polo que agardan poder anunciar esta Xornada en próximas datas.

Concello de Carnota e AAVV Insua de Lariño, artífices de SALVEMOS O FARO, agradeceron á veciñanza a súa implicación na defensa do seu faro e anuncian que ata que estes compromisos se concreten continuarán coa recollida de firmas e coa campaña de divulgación e sensibilización coa situación do Faro de Lariño, ata garantir o seu futuro.

Sociedade