Máis apoio ao persoal de Noa madeira creativa

Máis apoio ao persoal de Noa madeira creativa
06 de Maio, 2020 - 06:41 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene reiterará o apoio ao cadro de persoal de Noa madeira creativa que se enfronta a un expediente de despido para 78 persoas e regulación temporal de emprego para 80. Este xoves terá lugar a primeira reunión do período de consultas pero a representación sindical acude con pesimismo. "O grupo Malasa leva tempo coa pretensión de precarizar as relacións laborais e sospeitamos que acudirá con escaso ánimo negociador" manifestou o sindicalista da CIG Marcos Sánchez. 

ESCOITA O PODCAST:
Noa madeira creativa. Vilar do Colo. Fene

A representación laboral da empresa Noa Madera Creativa reuniuse esta mañá no Concello de Fene co alcalde, Juventino Trigo, e coas portavoces de BNG, PP, PSOE e Esquerda Unida para expoñerlles a "precarización das condicións laborais" que se estaría producindo na firma asentada no polígono Vilar do Colo trala súa adquisición polo Grupo Malasa. O Comité de empresa denuncia que o grupo ten intención de levar a cabo un ERE extintivo para 78 traballadores e traballadoras e aplicar outro suspensivo durante 15 meses para o resto  cadro de persoal, que lle afectaría a outros 80 empregados. Neste sentido reclamouse o apoio do consistorio tanto na reivindicación dun "emprego estable e con condicións laborais dignas" como tamén á hora de darlle a coñecer a súa situación á sociedade.

 

Neste sentido, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, comprometeuse a levar a petición á xuntanza da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol convocada para a tarde deste mércores co obxectivo de consensuar unha postura común dos nove municipios. Por outra banda, e no contexto das actuais restricións á mobilidade, o Concello de Fene tamén se ofreceu a pendurar con persoal propio os carteis de protesta deseñados polo persoal. O departamento municipal de Servizos pendurará as faixas reivindicativas en puntos estratéxicos do territorio "como maneira de facer visible a situación" que atravesa a firma pertencente ao Grupo Malasa.

 

Noa Madera Creativa adícase  ao deseño, construción e instalación de mobiliario, principalmente para tendas de Inditex e Adidas, así como para o acondicionamento de estancias hoteleiras. En 2018 foi adquirida polo Grupo Malasa, dedicada á mesma actividade -participada polo Fondo de Investimento GPF-Capital- e coa maior parte das súas instalacións situadas en Cerceda. 

 

Xa naquel momento a empresa matriz quixo levar adiante un ERE extintivo para un cento de traballadores da firma fenesa que, finalmente non foi presentado. Porén, o proceso de adquisición supuxo a perda de 40 postos de traballo, nuns casos non renovando contratos temporais e noutros con despedimentos individuais.

 

En novembro do ano pasado, segundo denuncia a representación laboral, "o Grupo Malasa modificou as condicións laborais nunha parte da oficina técnica, con modificacións de horarios e traslados ás instalacións de Cerceda, sen negociación nin compensación para os traballadores e traballadoras afectadas". O acordo acadado con parte da oficina técnica supuxo que "a maioría dos traballadores e traballadoras marcharon da empresa ou desprazáronse a Cerceda".

 

O episodio máis recente de todo este proceso "de desmantelamento" é a intención comunicada ao Comité de Empresa de levar a cabo un ERE extintivo e outro de suspensión durante 15 meses que lle afectaría a 158 traballadoras e traballadores da planta fenesa. "Temos claro que a intención do Grupo Malasa é precarizar as condicións de traballo en Noa Madera creativa", algo que a empresa faría, segundo o Comité, por medio do "incremento das empresas temporais e multiservizos, así como o incremento da contratación eventual en vez da contratación indefinida".

 

A situación pola que atravesa a firma de Vilar do Colo foille exposta esta mañá ao alcalde e aos grupos municipais, de cara a que se inclúa unha declaración institucional ao respecto no pleno virtual convocado para este xoves ás 18.00h. Todos os grupos anunciaron o seu compromiso de apoiar o documento "en defensa dos postos de traballo, dun emprego estable e dunhas condicións laborais dignas". O texto tamén exhorta á empresa matriz para que se aposte "polo diálogo e a negociación cos lexítimos representantes dos traballadores e traballadoras de Noa Madera Creativa e non polas medidas unilaterais levadas a cabo pola dirección do grupo". 

 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora