Máis de 100 persoas concéntranse diante do Parlamento de Galicia en defensa do decreto do galego no ensino

Máis de 100 persoas concéntranse diante do Parlamento de Galicia en defensa do decreto do galego no ensino

01 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

 

Unha centena de integrantes de A Mesa pola Normalización Lingüística, o sindicato CIG-Ensino, Galiza Nova, os CAF e a CNT concentráronse esta mañá a partir das 10:30 horas fronte ao Parlamento de Galicia en defensa do decreto que regula o 50 por cento de materias impartidas en galego no ensino. Un acto de protesta que coincidiu coa constitución da Cámara galega.

  O responsable de A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, recordou hoxe que a obriga dos deputados do Parlamento é promover a lingua como "sinalan os acordos unánimes aprobados na Cámara", como a lei de normalización ou o plan xeral . Así defendeu o lema da pancarta da súa organización, 'Polo dereito a vivirmos en galego', ademáis de aclarar que o galego "non prexudica a ninguén" e advertir a Feijóo que "non ceda a impoñer unilateralmente medidas" na lingua. Por parte da CIG-Ensino, Anxo Louzao, considerou "lamentable” que unha das primeiras medidas do Goberno no PP sexa a derogación do decreto do galego xa que, na súa opinión, "o galego non ten o mesmo tratamento que o español". Por outro lado, o líder da UPG, Francisco Rodríguez, fixo un chamamento ao "o inicio da mobilización da sociedade galega” para "impedir que a política lingüística retroceda". 

Precisamente, lamentou que o galego se atopa nunha "situación moi dramática", e incidiu nunha "continua marea social" para "non tolerar que os dereitos lingüísticos dun pobo sexan destruídos”.


 

Sociedade