Máis de corenta mil persoas poderían vacinarse fronte á gripe común na comarca

Máis de corenta mil persoas poderían vacinarse fronte á gripe común na comarca

29 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Comezou nesta xornada a campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica en 32 puntos da área sanitaria de Ferrol, fundamentalmente centros de saúde, consultorios e hospitais. A campaña, que se prolongará ate o vindeiro 13 de novembro, vai dirixida aos maiores de 65 anos ou menores que pertenzan a algún grupo de risco.

Persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias, nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de aspirina e mulleres embarazadas durante a temporada de gripe. Son os principais grupos de risco aos que vai dirixida esta campaña, ademais dos maiores de 65 anos aos que se oferta a vacinación antigripal de xeito sistemático e a antineumocócica, no caso de non estar aínda vacinados fronte ao pneumococo. Inclúense tamén os colectivos de profesionais con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco (traballadores de centros sanitarios e sociais, policías e bombeiros, persoas que pola súa ocupación puideran estar en contacto con aves ou viaxeiros internacionais).

Pola súa banda, os grupos de risco da vacina antipneumocócica son persoas con patoloxías crónicas, enfermidades hepáticas, cardiovasculares, pulmonares, ou diabetes.

Na área sanitaria de Ferrol, o ano pasado administráronse 43.586 doses de vacina, 41.500 de antigripal e ao redor de dúas mil de antipneumocócica, unhas cifras moi semellantes ás que baralla Sanidade nesta nova campaña.  

A que hoxe comeza é a campaña estacional, e nada ten que ver coa da gripe A que se iniciará en canto o determinen as autoridades sanitarias e unha vez que a Axencia Europea do Medicamento autorice a vacina.

Sociedade