Máis dun 5% da poboación padecerá epilepsia ao longo da súa vida

Máis dun 5% da poboación padecerá epilepsia ao longo da súa vida

24 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Entre un 5 e un 10% da poboación experimentará unha crise de epilepsia ao longo da súa vida, segundo un informe que a Fundación Española de Enfermedades Neurológicas (FEEN) deu a coñecer con motivo da conmemoración do día desta doenza. Malia estas cifras, os enfermos aseguran que esta patoloxía é “pouco coñecida”, o que provoca incomprensión e mesmo discriminación.

“A epilepsia non é sinónimo de convulsións, existen moitos xeitos de sufrir a enfermidade: caídas, ausencias, tics nerviosos...” explica a presidenta da Unión Galega de Epilepsia, Rita Martínez. Un maior coñecemento da doenza evitaría situacións como a que viviu un socio da asociación quen tras sufrir unha crise epiléptica, desde no chan e sen poder falar, escoitaba como os que pasaban ao seu carón o tomaban por un borracho.

Esa desinformación provoca tamén discriminacións no eido laboral. “Se dis que tes epilepsia, xa non te contratan”, explican desde a Unión Galega. A este respecto, os expertos lembran que se trata dunha doenza tratable e que case dous terzos das persoas que a padecen poden controla mediante a medicación. Porén, no 30% restante ponse especial atención neste Día Nacional da Epilepsia. “É preciso mellorar a atención sanitaria, a través dun maior seguimento persoal, para mellorar a calidade de vida de aqueles doentes farmacoresistentes”, reivindica Rita Martínez.

Sociedade