A música convida a escoitar e crear

A música convida a escoitar e crear
04 de Febreiro, 2021 - 12:25 h. | Publicada por Radio Fene

Laura Morgade é filla de galegos. Naceu en Francia, onde iniciou carreira musical, participando nos concursos de piano de Claude Khan en La cote d´azur. Veu a Galicia hai vinte anos e aquí cursou dez anos de piano no Conservatorio. En Ares fundou a súa escola musical onde da clases de música aplicada á danza. Tamén imparte clases de francés.

ESCOITA O PODCAST:

Laura Morgade dirixe e defende unha Escola de Música en Ares (A Coruña). Desde os 7 anos, en Francia, onde naceu, convive coa música, aplicada á danza. Imparte clases disto e de francés na súa escola que é un soño feito realidade desde que decidiu vir a Galicia, terra na que ten as súas raíces. A mudanza foi en agosto do ano 2000. “Foi unha loita enorme pero centreime nisto e en dous ou tres meses o soño fíxose realidade”.

Se lle preguntas polos músicos máis admirados por ela, contesta que Debussy e Liszt. É defensora dos beneficios da música xa desde o embarazo. “A música permite traballar a memoria, centrarse máis nos estudos, sacar incluso mellores notas”. O exemplo teno nela mesma. O seu avó materno mercoulles un piano cando ela tiña sete anos e iso foi decisivo para continuar estudando con profesoras e facer carreira musical. O seu pai cantaba de marabilla. A súa nai mercaba uns discos extraordinarios. Todo sumou. “Que os nenos e nenas se dediquen ou non despois á música, non importa. Todo o aprendido quédalles para sempre” afirma Morgade.

A situación sanitaria provocada pola Covid19 obrigou a Laura Morgade a pechar temporalmente a escola porque é un espazo pequeno e non permite o distanciamento necesario, pero ela, lonxe de lamentarse, adaptouse pronto ás novas circunstancias. Aprendeu rápido as posibilidades que lle brindaban as novas tecnoloxías e hoxe conseguiu manter as clases on line co alumnado que non cedeu tampouco aos malos tempos que vivimos. Mesmo acabou vendo que esta modalidade pode ter aspectos positivos na aprendizaxe porque nota máis atención por parte do alumnado e mellor ouvido nos ditados musicais.

 

(Na imaxe, Laura Morgade Pinar)

Cultura

Publica o teu comentario agora