Música e teatro para dar a benvida ao Nadal

A Cultura renace nos escenarios de Ferrol diante do Nadal
16 de Decembro, 2020 - 12:17 h. | Publicada por Radio Fene

Un festival de Panxoliñas abre a axenda cultural de Ferrol esta mesma tarde ás 20h coas actuacións das rondallas Bohemios, Añoranzas, Só Elas e Sonidos del Alba. As entradas pódense retirar de balde na billeteira do tearo Xofre. Daquí ao domingo, en diferentes escenarios podemos disfrutar por igual de música e teatro.

Música

Os irmáns feneses Amparo&Rogelio Arias presentan mañá xoves día 17 na capela do Torrente Ballester ás 21h, "Strange Mystery Flower sing Willliam Blake". Todo comezou durante unha viaxe fascinante polo norte de Italia hai cinco anos, onde Roger descobre unha misteriosa relación cos poemas de William Blake. Eses escritos místicos e visionarios, que xiran en torno aos anhelos máis íntimos e fondos do ser humano con respecto ao seu papel no mundo, a súa relación e harmonía coa natureza, así como unhas pingas de crítica social non exenta de certa mordacidade espertan o desexo do músico de compoñer melodías e cantalas.O prezo das entradas é de 3€.

O venres 18 ás 20.30h será o tempo da Real Filarmonía de Galicia nun concerto organizado pola Sociedade Filarmónica Ferrolana a celebrar no Auditorio Municipal de Ferrol. Baixo o título “ In nomine domini” ofrecerán un concerto de homenaxe ao Padre López Calo (1922-2020) en coproduccióncon Amigos da ópera de Santiago. Dirixirá Maximino Zumalave un repertorio formado por obras de J. Arriola, Johann Sebastian Bach e Franz Joseph Hayden. O prezo das entradas (venda a partir do xoves) é de 15€. Os socios e socias teñen entrada de balde.

Teatro

O sábado 19 ás 20.30h chega o teatro clásico ao Xofre con MACBETH, O RUÍDO E A FURIA de Estudo Momento. A traxedia celta de William Shakespeare non pode encontrar mellor escenario. Atmosferas de néboa, chuvia, escuridade e misterio. Versos de terra, vento e sangue. Meigas que se transforman en feiticeiras “retranqueiras” e se mofan das debilidades humanas. Porque falar de maxia e misterio é falar de meigas. Falar de meigas é falar de Galicia. E en Galicia, se falamos de meigas… “Habelas, hainas!”. Prezo das entradas: 8€. Se non se pode acudir ao teatro, pódese gozar online en directo. O streaming estará dispoñible desde o sabado ás 20.30h ata o domingo ás 23.59h. Só hai que acceder á páxina: www.ferrol.gal/axenda_cultural/gal/entrada/macbeth__o_ruido_e_a_furia.

Música+ Teatro

Para rematar esta semana previa ao Nadal o conclelo ferrolán oferta un compendio de todas as artes co Concerto Fusión Píscore, o domingo 20 de decembro ás 12:30h. Un espectáculo para todos os públicos. Nesta producción fusionamos música, teatro, humor, comedia xestual, clown e participación do público. Cunha marimba como eixo principal do espectáculo. Tamén incorpora diversos matices musicais, cunha vocación popular e con cabida para diferentes ritmos: música latina, rock & roll, reggae, pop ou música disco. Catro músicos, descoñecidos, de estilos moi diferentes, chegan ao palco cos seu instrumentos. O descubrimento dunha marimba e de todas as súas posibilidades fai que, o que podería ser un desastre, se convirta nun divertido exercicio de virtuosismo, cooperación e fusión musical. Prezo das entradas: 2€.

 

(Na imaxe promocional, Amparo e Rogelio Arias)

Cultura

Publica o teu comentario agora