Música, refráns e retos para a memoria

De todo hai no obradoiro radiofónico que sustitue as Tardes Activas
16 de Decembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Tiramos do refraneiro popular en "Fene na memoria" obradoiro radiofónico dos Servizos Sociais municipais de Fene e paseamos polos camiños do Sartego.

ESCOITA O PODCAST:

“ Despois de abril, a auga ven tras o tamboril” ou “Emigra o galego pero nunca perde o rego” son dous refráns populares que debeu afrontar Pilar Freijomil nunha nova entrega de “Fene na memoria” obradoiro radiofónico que  Radio Fene realiza en colaboración cos Servizos Sociais do concello de Fene. Xunto co refraneiro, a usuaria dos obradoiros Tardes Activas, neste caso de San Valentín, tivo que  adiviñar tamén ás cancións que forman parte dos exercicios de memoria que realizamos. Hoxe Ana Kiro e Paloma San Basilio protagonizaron o concurso ben superado por Pilar.

O psicólogo Jaime Lendoiro deixou un reto para facer na casa a todas as usuarias, agora oíntes do obradoiro; facer un exercicio de introspección sobre como cambiou a súa vida desde un momento puntual ata a actualidade. Antes do final, Pilar Freijomil tivo que explicar a paisaxe que ve desde a súa casa e a súa contorna. Levounos ao Sartego, desde onde ve toda a ría de Ferrol ata o porto exterior, e convidounos a percorrer os camiños que nos levan a terras de Sillobre, entre o monte e o mar.

A coordinadora municipal dos obradoiros de memoria, a pedagoga Mª Xosé Paz, convidou a todas as usuarias a seguir a través da radio todos os martes, ou do podcast, os exercicios que se propoñen. Tamén a visitar a páxina web municipal onde se sube diferente material para ir traballando mentres a pandemia non os deixa reunirse presencialmente.

 

(Imaxe de Pilar Freijomil )

Institucional

Publica o teu comentario agora