Músicos que camiñan “a contracorrente” inauguran os Seráns do TAC

Músicos que camiñan “a contracorrente” inauguran os Seráns do TAC

19 de Maio, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Humor, música e gastronomía son os ingredientes da segunda edición de Os Seráns do TAC, un ciclo que busca introducir ao público na música contemporánea dun modo festivo e ameno. Neste proxecto, que arrinca o luns na Cidade da Cultura, o repertorio de figuras como Varese, Schoenberg ou Cage interpretado polos músicos do Taller Atlántico Contemporáneo combinarase coa estrea de obras de compositores galegos como Eduardo Soutullo ou

O primeiro dos Seráns terá lugar este luns día 21 cunha sesión titulada A Contracorrente. Presentada por Carlos Blanco e salpementada coas tapas de Abastos 2.0, o TAC abrirá o ciclo cun concerto de autores que seguiron camiños moi persoais, difíciles de encadrar nas distintas correntes musicais xurdidas no transcurso das súas vidas e cunha compoñente performántica moi importante: Varèse, Kagel, Schnittke e Daugherty.

En torno a Schoenberg xirará a segunda sesión, que terá lugar o luns 11 de xuño. A voz será a protagonista deste Serán no que o público se achegará á figura de Arnold Schönberg desde dúas perspectivas: o Schönberg compositor visto a través dunha obra inspirada no mundo do cabaré berlinés e o Schönberg transcritor visto polo arranxo que fixo deste ciclo de cancións para voz e orquestra de Gustav Mahler. Julián Hernández será quen lle dea un toque de humor a esta sesión na que se poderá saborear unha tapa contemporánea do cociñeiro do Grupo Nove Pepe Solla.

Tras unha parada estival, o 29 de outubro o TAC cederalle a batuta ao director Paul Daniel, cun programa con música do seu compatriota Harrison Birtwistle, un dos compositores clave no actual panorama musical contemporáneo. Ademais, Paul Daniel interpretará a estrea absoluta dunha peza do compositor galego Eduardo Soutullo, resultado dun encargo do TAC. A introdución correrá a cargo de Quico Cadaval e a proposta gastronómica virá da man de Eirado de leña.

A ONG galega Implicadas no Desenvolvemento colabora na sesión que se celebrará o domingo 25 de novembro. O obxectivo será realizar unha panorámica da creación feminina actual, con obras dunha compositora finlandesa (Kaija Saariaho), unha alemá (Isabel Mundry), unha catalá (Gloria Rodríguez Gil) e unha galega (Raquel García Tomás), nas que a compoñente audiovisual e sensorial xogan un papel central. O restaurante do Grove Culler de Pau será o encargado de ofrecer, neste caso, o aperitivo da sesión vermú.

A clausura de Os Seráns do TAC chegará da man de John Cage, cun “gran circo musical galego” para conmemorar o centenario do seu nacemento. A Cidade da Cultura acollerá o Musicircus de Cage, que consiste nun evento multidisciplinar de actuacións independentes de xeito simultáneo, presentado normalmente en espazos non habituais de concertos. Como xa fixo o ano pasado, o TAC quere abrir para esta sesión unha convocatoria a través de internet para invitar a todos os músicos interesados a participar. 

Cultura