Madrid agarda mais de 5.000 gandeiros galegos para a manifestación do xoves 16

Madrid agarda mais de 5.000 gandeiros galegos para a manifestación do xoves 16

13 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Mais de 5.000 gandeiros galegos acudirán, o vindeiro xoves 16, á manifestación organizada polos principais sindicatos agrarios en Madrid, segundo anunciaron hoxe en Vilalba as tres principais organizacións agrogandeiras galegas, Xóvenes Agricultores (X.X.A.A.), Sindicato Labrego Galego (S.L.G.) e Unións Agrarias (U.U.A.A.). A crise que está a vivir o sector, “a maior da historia” segundo os representantes agrarios, e a necesidade de

“Estamos nunha situación límite”. Esta foi unha das frases mais repetidas na intervención de Juan Pérez Orozco, Secretario Técnico de XXAA. “As ameazas da non recollida do leite, as masivas importacións procedentes de Francia, Italia ou Alemaña, as prácticas ilegais que ser están a levar no sector e os prezos que se pagan, por debaixo incluso dos 0,20 €”, foron algúns dos motivos que levaron á manifestación do xoves en Madrid, segundo dixo Pérez Orozco. O representante de XXAA tamén reclamou unha “maior implicación da administración no control da industria e da distribución, ademais de ter que establecer diversos criterios de trazabilidade que garantan a orixe do noso produto”. En canto ao relacionado co Plan Estratéxico creado polo goberno, non descartou a súa validez, pero reclamou medidas “a curto prazo”.

En iguais termos falou Lupe Prado, representante do SLG, que amosou a súa preocupación por unha situación “que nos afecta a todos e que está a tocar fondo”. A falta de apoio das institucións públicas foi, de novo, outra das cuestións postas enriba da mesa, sobre todo no momento en que “despois de todo o noso esforzo para mellorar, non se nos tivo en conta”. Desde esta organización reclamouse a garantía “da recollida e dun aumento dos prezos” para que o medio de vida de gran parte do campo galego poida subsistir. Prado afirmou non entender cómo “se España é un país deficitario na cuestión da produción se nos va a deixar de recoller e esteamos invadidos de leite de outros países de Europa”. Para a dirixente do SLG isto só obedece “a un intento de pura especulación por parte da distribución”. Prado tamén insistiu no perigo que corre o sector de non mudar a situación e a implicación dos poderes públicos. “Se non hai unha toma de decisión e un diálogo que permita poñerlle freo a esta situación en pouco tempo moitas das explotacións veranse forzadas a desaparecer. Isto non só conleva a perda de postos de traballo, senón a conservación dun medio de vida e do propio medio no que vivimos”, estableceu a representante do sindicato nacionalista.

Pola súa banda, José Rodriguez, secretario Executivo de Unións Agrarias, observou que “mentres a administración mira para outro lado nós estamos nunha situación de presión da distribución, da eliminación das cotas e da invasión dos países excedentarios”. Para Rodríguez, “de existir un mercado libre, nós seriamos capaces de competir e exportar, pero co que nos encontramos é cunha situación onde a falta de posibilidades de supervivencia é unha realidade”. Para tentar paliar este mal momento, Rodríguez reclamou “un plan de choque que inclúa unha recollida de leite cuns prezos xustos, un maior control das importacións, unha trazabilidade do produto para que o consumidor coñeza a orixe do mesmo, e unha maior acción e presión por parte do goberno español perante a Unión Europea”. Para o membro de U.UA.A. “hai unha clara estratexia de desfacer o sector lácteo español, que conta co beneplácito de institucións como a UE ou a administracións española”.

David López, xerente de Xertigán, que actuou de representante das cooperativas leiteiras, engadiu que a situación estaba tornando “moi perigosa” pola invasión do leite foráneo e pediu a defensa das cooperativas, que “sempre acataron e apoiaron requisitos como a calidade do leite ou a trazabilidade”, pero que pode facer que “deixen de ser viables se non se apoia desde as institucións”.

Autobuses financiados polos concellos

Aqueles gandeiros de Vilalba, Cospeito, Friol e Outeiro de Rei que queiran apoiar a iniciativa das organizacións de defensa agrogandeira e acudir á manifestación de Madrid poderán facelo gratis. Os concellos destas vilas lucenses financiarán autobuses para o traslado de aqueles que queiran ir á marcha. O transporte partirá á unha da madrugada do mércores 15 ao xoves 16 para poder acudir con tempo á capital de España.

Sociedade