Maior coordenación contra a violéncia de xénero

Maior coordenación contra a violéncia de xénero

23 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Delimitar as competencias de cada profesional. Marcar ás liñas a seguir á hora de atender a unha muller vitima de maltrato. Esas son as finalidades do Protocolo de Actuación en casos de Violencia de xénero e agresións sexuais, elaborado nos últimos meses no concello de As Pontes (A Coruña).

O Protocolo Municipal de Actuación en Casos de Violencia de Xénero e/ou Agresións Sexuais, elaborouse ao  abeiro do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres do Concello de As Pontes 2008 – 2011, e que nace co respaldo do departamento municipal de Servizos Sociais xunto co Centro de Información á Muller (CIM).

Precisamente, o responsable desta concellería, o edil José Alén, foi o encargado de presidir a posta de longo oficial dun programa de actuación pioneiro na comarca e que, tal e como subliñou, ten como obxectivo coordinar o traballo de todos os profesionais que participan no proceso de atención ás vítimas de violencia de xénero.

Neste senso, o concelleiro quixo agradecer a colaboura de todos os axentes que tomaron parte nun proceso que se iniciaba o pasado mes de setembro e é que, tal e como deu a coñecer, este documento xurdía non só do traballo desenvolvido polo seu departamento e a consultora OBZ, senón tamén dos corpos da Policía Local e Garda Civil, do Centro de Saúde de As Pontes, o Colexio de Avogados de Ferrol e a Casa de Acollida desta cidade, as asociacións de mulleres de As Pontes, os centros educativos ponteses, a Oficina Comarcal de I+B e das concellerías de Seguridade Cidadá e Promoción Industrial.

En relación a esta importante colaboración, José Alén quixo subliñar o importante papel de todos os colectivos representativos da sociedade pontesa á hora de confeccionar esta ferramenta que, segundo explicou, tamén servirá para levar a cabo actuacións en prol da sensiblización e prevención da violencia de xénero na sociedade, o que supón un traballo que afectará aos máis de 11.300 habitantes de As Pontes, e de xeito especial ás case 5.700 mulleres empadroadas no municipio.

Este protocolo pretende ofrecer a cada profesional vencellado a esta problemática as liñas de actuación á hora de atender a unha vítima, dando lugar a un sistema coordinado e baseado na coperación de todos os axentes aos que pode acudir unha muller nesta situación e que pode precisar axuda sanitaria, policial, social ou xurídica, o que fai preciso, que entes coma o departamento de Servizos Sociais, o Centro de Saúde ou a Policía coordinen o seu traballo co fin de ofrecer a mellor e máis axeitada atención á vítima.

Así as cousas, tal e como explicaron dende a consultora OBZ, o pasado mes de setembro daban comezo os primeiros encontros cos departamentos de Servizos Sociais, Seguridade Cidadá e Promoción Industrial, ademáis de varias entrevistas coas  traballadoras sociais, educadoras e pedagogas municipais, CIM, orientadoras laborais, forzas de seguridade, centros educativos, asociacións pontesas, avogados, xuíces ou fiscais; traballo que deu lugar á creación de tres mesas de traballo das que, finalmente, xurdiu este protocolo no que se recollen as competencias de cada profesional na materia e as liñas a seguir á hora de dirixir a unha muller vítima de maltrato ás institucións precisas para atender o seu problema.

O acto tamén contou coa presenza do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; o subdelegado do Goberno na Coruña, José Manuel Pose; a Xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno en Galicia, Laura Rodríguez Manso; a directora do CIM, María del Carmen Rego; e as técnicas da empresa OBZ Raquel Enríquez e Teresa Reigosa, encargadas de presentar, máis polo miudo, este texto.

Sociedade