Malleira, arrepentimento, perdón

Malleira, arrepentimento, perdón
25 de Novembro, 2020 - 12:51 h. | Publicada por Radio Fene

"Radicaliceime a través de Twitter" Uxía Castro é unha xove xornalista fenesa, gañadora en 2019 do primeiro certame “Comunicar en igualdade” da Xunta de Galicia. Falamos con ela neste 25N.

ESCOITA O PODCAST:
Uxía Castro. Premio "Comunicar en igualdade". Xunta de Galicia. 2019

“A violencia de xénero non é algo individual, algo illado que lle sucede ás mulleres por mala sorte ou porque o buscaron”. Con esa definición Uxía Castro dá no cravo para responder contundente ás persoas que xustifican a violencia contra as mulleres deste xeito tan pouco ilustrado e tan pouco científico. Non está de mais repetir ata a saciedade que detrás deste comportamento está algo que é sistémico e que normaliza unha situación que padecemos desde o propio nacemento. Un sistema que educa ás mulleres na submisión e no silencio e que establece roles distintos segundo o xénero que nos toque. Non hai perfís de agresores e agredidas. Calquera, independentemente de tantas cousas, pode ser vítima ou verdugo.

“O que está claro é que o home é o agresor e a muller a agredida” asegura Uxía Castro quen engade un patrón estrutural deste comportamento: malleira- arrepentimento- perdón que se repite en espiral continuamente. “As consecuencias da violencia de xénero tamén son devastadoras para as fillas e fillos que a viven”.

“Hai que agradecer ás compañeiras que nos precederon, todo o que loitaron antes que nós para conquistar recursos como a Casa da Muller de Ferrol, unha das primeiras abertas no Estado Español. Ela aposta por denunciar e denunciar, abrigándose en recursos como este.

Pola súa xuventude, Castro ten posto a mirada especialmente na xente nova e nas redes sociais, unha nova canle de cultivo para as manifestacións de violencia machista. “As redes sociais en si mesmas non son malas pero as adolescentes viven nelas e o control é exponencial”. "Eu radicaliceime en twitter", conclúe.

Sociedade

Publica o teu comentario agora