A Mancomunidade da Terra Chá xa ten o seu espazo na rede

A Mancomunidade da Terra Chá xa ten o seu espazo na rede

07 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

“Imaxina un mundo. Terra Chá, un mundo por coñecer”. Con este lema a Mancomunidade da Terra Chá presentou as súas novas accións, que teñen como punto forte a súa nova web que, en verbas do seu presidente, o alcalde de Cospeito Armando Castosa, “supoñen un paso mais para dar a coñecer as excelencias dos cinco concellos membros”. Esta nova ferramenta permiti

“Con esta nova ferramenta pretendemos motivar á xente para que coñeza os cinco concellos –Abadín, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Outeiro de Rei- da Mancomunidade, e descubran as tradicións, a gastronomía, as festas ou os seus espazos naturais. Así, permitiremos que esta terra se abra mais ao mundo e que aumente a súa potencialidade turística”, estableceu Armando Castosa, presidente da institución chairega.

Esta web, www.mancomunidadeterracha.com, é outra das iniciativas, tras a presentación da súa imaxe corporativa fai dous meses, e do seu stand, durante o pasado fin de semana na Moexmu, para levar a cabo un crecemento turístico que complete o tecido económico da bisbarra. Castosa tamén anunciou que a Mancomunidade potenciará a súa presenza en feiras e eventos en Galicia e fóra da comunidade, xa que acudirá á Feira de Turismo de Catalunya, en Sitges; á Feira Internacional do Turismo de Interior, Intur, en Valladolid; a Expotural; a Agrotur en Cornellá; a Turisport, en Silleda, e a Ferpalia.

A mellora da calidade de vida dos veciños é outro dos grandes obxectivos desta institución supramunicipal, tal e como defendeu o alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, que admitiu ter moitas esperanzas en que esta web poida axudar a “exportar a imaxe da nosa comarca cara fóra”. Pola súa banda, o edil de Outeiro de Rei, José Pardo, manifestou a importancia de poder “ir da man todos xuntos para levar a cabo un proxecto que pode servir de exemplo para o resto de concellos de Galicia”.

A páxina baséase nun menú intuitivo e de fácil manexo, dividido en cinco grandes apartados. Baixo o link “Mancomunidade” atópase a información institucional, datos de contacto e noticias e notas de prensa sobre esta organización. “Onde Comer” céntrase no apartado gastronómico, aportando información sobre restaurantes e casa de comidas, a partir de fichas coa súa situación, prezos, horarios de apertura etc. “Onde durmir” aporta ao visitante información útil sobre hostais, hoteis ou casas de turismo rural onde poder descansar. “Qué facer” permite establecer plans a partir de contidos sobre patrimonio cultural, patrimonial e natural da zona, festas ás que poder acudir ou aqueles lugares habilitados para poder desempeñar algunha actividade deportiva. Por último, “Cómo vir” facilita os medios de transporte accesibles para o viaxeiro, xunto cos seus prezos e horarios.

Sociedade