A Manifestación gandeira de Madrid forza un plan de choque do MARM para axudar ás explotacións endebedadas

A Manifestación gandeira de Madrid forza un plan de choque do MARM para axudar ás explotacións endebedadas

16 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Preto de 8.000 gandeiros galegos, segundo as centrais sindicais agrarias, manifestáronse hoxe en Madrid para protestar contra a actual crise do sector lácteo. Baixo o lema Por un presente y un futuro para el sector lácteo español, os produtores expresaron a súas queixas xunto con compañeiros doutras comunidades autónomas como Asturias, Cantabria, Andalucía, Pais Vasco ou Castela León. Ao remata

Da reunión saíu un compromiso de celebrar unha xuntanza en quince días na que se presentará un plan de choque para axudar cos pagos a aquelas explotacións gandeiras que sufran un maior endebedamento. Con respecto á política de liberalización da Unión Europea e ao aumento da produción leiteira, os responsables do MARM mantiveron a súa postura en favor das actuais políticas comunitarias e non darán marcha atrás na eliminación das cotas.

Outra das accións anunciadas foi unha reunión urxente do Ministerio coas distribuidoras leiteiras para tentar de paliar e limitar as importacións do leite procedente do estranxeiro. Ademais, tamén se consultarán ás diferentes consellerías autonómicas para reforzar o control da calidade e da trazabilidade dos produtos lácteos. Asimesmo, tamén se potenciarán as relacións na ILAC para a negociación dos prezos do leite.

Estas medidas, que serán adoptadas polo MARM, foron valoradas pola Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Carmen Freire. Freire tildou de “decepcionante” a política de continuidade do goberno no tocante á liberalización e ampliación da produción do leite, xa que considerou un “erro” e un “risco para o sector” a desaparición da cota no 2015, que é defendida polo departamento dirixido por Elena Espinosa. En canto ás medidas de control da calidade e da trazabilidade, considerounas “positivas”, sempre e cando “permitan unha viabilidade das explotacións que permitan a súa pervivencia”. Non foi tan positiva en canto á negociación de prezos mínimos no ILAC, xa que ó que é verdadeiramente necesario, para a Secretaria Xeral do SLG, son “uns prezos mínimos fixos que garantan que non se vai vender por debaixo dos custos de produción, algo que non asegura o ministerio”. Desde o SLG se confirmou a súa presenza na reunión cos representantes do MARM e, a partir de aí, valorarase a súa conveniencia. De continuar na mesma liña non se descartan novas medidas de presión para defender o sector.

Ademais, Freire fixo un bo balance da mobilización, á que se referiu como “histórica”, tanto polo número de participantes como polos diferentes ámbitos da sociedade galega que a apoiaron.

Francisco Bello, Secretario Xeral de Xóvenes Agricultores (XXAA), considerou a marcha “un éxito rotundo do sector lácteo galego” e tamén valorou a xuntanza cos responsables de Medio Ambiente. Para Bello, a pesar de todos “os paus levados nos cinco anos de goberno de Elena Espinosa”, hai que dar “unha marxe de confianza” á reunión de dentro de dúas semanas, aínda que instou ao goberno a ter un pouco de “vontade política” e de “traballo” para que se poida solucionar a situación. Ademais, preguntado pola política con respecto ás decisións do último Consello de Ministros da UE, viu necesario que se tomen decisións coherentes e que haxa unha continuidade que remate coas políticas “erráticas e cambiantes” da institución europea, xa que o único que crea é “incertidume no sector”, poñendo como exemplo os cobros das retencións pola supertaxa.

Pola súa banda, Javier Iglesias, Secretario de Acción Sindical de Unións Agrarias, estableceu que a marcha “superou as expectativas” creadas nos días previos ao xuntar a tal número de gandeiros, sobre todo debido ás características da súa profesión, moi condicionada polo seu traballo diario e que “apenas deixan tempo para outra cousa que non sexa o traballo”. Iglesias non quixo deixar de agradecer o apoio de todos os estamentos relacionados co sector lácteo, como foron os casos dos fabricantes de alimentos para o gando ou os veterinarios e institucións sanitarias. Ademais, destacou que este tipo de sectores, directamente relacionados coa gandaría, tamén se verán afectados pola desaparición das explotacións. “Para negocios como a fabricación de alimentos para o gando esta crise tamén é un problema. Se pechan un número importante de explotacións, poderíanse destruír preto de 5.000 empregos so na fabricación de pensos”, opinou o responsable de UUAA.

A desaparición deste sector tería consecuencias tamén no propio medio ambiente, xa que, como manifestou Iglesias, “aquelas zonas onde existen explotacións agrarias hai unha mellor vertebración do campo e do seu entorno, que permanece moito mais coidado”. A perda da poboación no rural tamén sería unha consecuencia do peche das explotacións, xa que “o 70% da xente que vive no campo depende do sector agrogandeiro”.

Á marcha acudiu tamén unha representación do BNG, que estivo integrada polo senador nacionalista por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, e polos alcaldes de Arzúa, Xaquín García Couso; de San Sadurniño, Secundino García Casal, e polas alcaldesas de Melide, María Socorro Cea, e de Vilasantar, Manuela García Freire.

No acto, Pérez Bouza, esixiulle ao Goberno a necesidade de “realizar un control das importacións procedentes de países como Francia, que introducen os seus excedentes de leite no Estado español a prezos por baixo do prezo de custe”, para poder solucionar o problema dos prezos. Neste sentido, reclamou ao MARM que “incremente os controis das importacións de produtos lácteos para garantir que cumpren con todos os requisitos sanitarios e que non están incorrendo en prácticas de dúmping”.

Asimesmo, o senador do BNG considerou “decepcionante” o apoio do Estado español a un incremento liñal do 2% da cota láctea para todos os estados da UE, independentemente de se son excedentarios ou deficitarios. Por iso, reclamou ao Goberno que “defenda na UE un incremento da cota láctea para o Estado español de tal xeito que poida abastecer a súa demanda interna”.

Sociedade