Mantense o bloque

O Maniños enceta a pretemporada co amistoso frente ao Estrella este venres no campo do Pote
31 de Xullo, 2019 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

O Cultural Maniños encara a pretemporada no mes de agosto con adestramentos tres dias por semana e partidos amistosos entre semana con equipos do máis variado.

ESCOITA O PODCAST:

O Cultural Maniños volveu ao traballo hai unha semana. Comezou a pretemporada cun tropezo na copa Deputación que perdeu co Miño o domingo pasado. Agora toca adestrar, xogar amistosos pola semana e acabar de coordenar un equipo que en esencia conserva o bloque anterior, en palabras do secretario do Maniños, Alfredo Fernández. Marcharon Hugo Leira ao Cedeira, Oli que volve ao Capela, o porteiro Kevin e Permuy que marcha ao Eume. As novas incorporacións son as de Pitu, procedente do Val, Borjita e algún novo que está probando. Pablo Mesa quere sumar a 20 ou 21 efectivos. (Na imaxe o equipo titular na copa Deputación en Miño: Arriba, de esquerda a dereita: Javi Miragaya, Abraham, Fabio, Grueiro, Pitu e Javi González. Abaixo, de esquerda a dereita: Ángel, José Angel, Víctor, Zapa e Javi Martínez).

De momento non se sabe cando empeza a liga. Probablemente se despexe a incógnita mañá. Unha liga única poñeríanos, afirma Alfredo, en 40 semanas, así que se formarán dous grupos de 11 e 10 equipos. Trátase de buscar o mellor modelo de competición. O Maniños xoga o primeiro amistoso co Estrella, o venres 2 de agosto ás 20,30h no campo do Pote. A pretemporada dicurrirá así con amistosos con rivais moi variados.

Polo demais os equipos de base do Cultural Maniños continúan nas mesmas categorías, buscando novos efectivos. O feminino seguirá con Carlos e David ao frente porque o club está encantado con eles. As instalacións do Pote precisan algunha mellora que se acometerá este verán, a máis urxente nos vestiarios. Boa andaina ao Maniños na nova tempada na segunda autonómica. Se se pode, a meta estaría en volver á primeira, pero o club non quere aventurar obxectivos de momento.

Deportes

Publica o teu comentario agora