María Xosé Bravo: “Aínda que se negue mesquiñamente, A Coruña está moi ligada ao galeguismo”

María Xosé Bravo: “Aínda que se negue mesquiñamente, A Coruña está moi ligada ao galeguismo”

14 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

“O libro galego moderno é unha creación coruñesa”. Esta sentenza -que defendeu a concelleira de Cultura herculina, María Xosé Bravo, nos micrófonos de Radiofusión- é o eixo central da mostra A Coruña na creación do libro galego, que se vén de inaugurar no Pazo Municipal e cuxas portas estarán abertas ata o día 21 de novembro.

 

A exposición conmemora o aniversario da impresión na cidade herculina do primeiro libro en galego: foi en 1810 cando saíu do prelo Proezas de Galicia de Jose Fernández y Neira. Tres anos despois, tamén na Coruña, editouse o que se considera o primeiro supervendas da literatura galega, Os Rogos dun gallego, unha lectura que sobordou os círculos intelectuais e chegou aos adros e ás feiras das aldeas. Na historia destas dúas publicacións detense a mostra Coruña na creación do libro galego, así como na creación, en 1885, da Biblioteca Gallega de Martínez Salazar, a primeira editora moderna do país. A exposición, argumentou María Xosé Bravo, pode servir para reivindicar o pasado da cidade: “Malia que algúns con mesquindade o queiran negar, a nosa cidade está moi vinculada ao galeguismo”, defendeu.

Cultura