Mar e Ferro. Radio Fene cumpre 30 anos

Mar e Ferro. Radio Fene cumpre 30 anos

14 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Mar e ferro” será o lema que presida unha das accións que Radio Fene levará a cabo ao longo deste ano 2014. A radio municipal de Fene vai cumprir 30 anos. Naceu o 27 de setembro de 1984, xusto cando o estaleiro de Perlío pasaba as primeiras consecuencias da reconversión naval. Por iso unha das citas das celebracións que se sucederán ao longo do ano polas parroquias, terá ao estaleiro e ao barrio de San Valentín como marco.

O 15 de marzo, dentro dun mes, Radio Fene levará a cabo, coa colaboración do CPS e do concello de Fene “Mar e ferro” citando a uns 30 pintores-as da localidade e de fora, en San Valentín para pintar nas paredes do barrio temas alusivos ao estaleiro, ao mar e aos barcos. O encargado de Radio Fene, H. Sanfíz, adiantounos algo dos preparativos desta cita que, sabido o que sabemos hoxe, ten máis sentido que nunca.

Como San Valentín e como Perlío, onde arracou a celebración do 30 aniversario de Radio Fene coa presentación do libro “Perlío no pasado”, sucederánse actos especiais organizados dende a Radio, en todalas parroquias, sempre en colaboración coas entidades sociais e veciñais das mesmas.

O seguimento das mobilizacións de Astano ou o Ciclón Hortensia son algúns dos fitos a sinalar no arranque da traxectoria de Radio Fene que sigue a prestar un servicio público 30 anos despois.

Sociedade