As marchas a pé por Ferrol, protagonistas das 108 horas de deporte

As marchas a pé por Ferrol, protagonistas das 108 horas de deporte

21 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Mañá darán comezo as 108 horas de deporte continuo en Ferrol. Será cunha camiñata entre Santa Mariña e San Pablo que dará comezo ás doce do serán

O xoves farase a ruta entre o centro urbán e A Malata. Pasará polas rúas Dolores e San Diego entre outras, para máis tarde coller o Acceso Norte, onde está prevista unha parada no parque biosaudable. A camiñata continuará en dirección ao estadio de fútbol e a Canido, para voltar á praza de Armas sobre as once da mañá. 
A terceira camiñata terá lugar o venres. Sairá ás oito da mañá de Amboaxe e pasará pola rúa Dolores, praza de Armas, rúa Galiano, praza de España e así ata chegar á praza do inferniño, onde se fará un descanso. A ruta retomará ás dez da mañá, esperando chegar á praza de Amboaxe ás once. A camiñata entre o Cantón de Molíns e Caranza é a ultima das diurnas destas 108 horas de deporte. Sairá ás oito da mañá da Alameda de Suances e chegará ao parque biosaudable de Caranza, onde se fará unha parada de unha hora. A ruta rematará na praza de Armas sobre as once. A primeira das andainas nocturnas será o venres pola noite. Sairá ás nove e é a que une San Xurxo con Doniños. Á chegada ao punto de destino, a Sociedade Galega de Historia Natural impartirán unhas nocións de astronomía ata a medianoite, momento no que comezará o regreso tomando a mesmo camiño que á ida.
O sábado será o turno da ruta de Esmelle. Prevese a chegada ao antigo Cuartel contra as oito e media do serán. Alí montaranse tendas de campaña e acto seguido, haberá unha ruta polos muíños incluídos no Proxecto Esmelle.
A ruta de BTT será o domingo. Sairá ás dez da mañá e fará o percorrido San Xurxo- Doniños- Esmelle- Covas- San Xurxo. Os maiores de 16 anos farán un percorrido de 30 quilómetros e os que teñan entre 8 e 16, farán unha ruta de 15 quilómetros. Tamén haberá rutas de orientación nestas 108 horas de deporte. Será no parque Raíña Sofía o xoves de 12 a 2 da tarde e o venres de 11 a 1 tamén da tarde. O sábado cambiará de ubiciación e terá lugar en Doniños entre as 11 e a 1. As actividades acuáticas teñen un oco neste programa. Os maiores de 8 anos poderán practicar kayak ou remo, e os maiores de 10, tamén poderán divertirse facendo surf. Os maiores de 18 anos poderán xogar á chave nas pistas polideportivas de Serantes, Esmelle e A Cabana. Outras das actividades que estarán espalladas pola cidade ao longo destes días serán os bailes de salón, o xadrez, a patinaxe artística ou o parkour. O concello de Ferrol estima que unhas mil persoas participarán nalgunha das 18 actividades que contén este programa que rematará na medianoite do domingo 26.

Sociedade