Marisol Soneira (PsdeG): “A Consellería do Mar incumpre o convenio co MARM para a preservación do litoral”

Marisol Soneira (PsdeG): “A Consellería do Mar incumpre o convenio co MARM para a preservación do litoral”

08 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira vén de rexistrar unha interpelación na Cámara Autonómica na que reclama explicacións ao Goberno de Feijoo sobre a deixadez da Xunta entorno ao Convenio asinado entre o MARM e a Consellería do Mar para a xestión integral e sostible do litoral. A deputada socialista lembra, na iniciativa rexistrada, que o BOE publicou o Convenio de colaboración o pasado 24 de novembro

Soneira afirma que este documento tiña especial relevancia porque tentaba coordinar e buscar solucións aos problemas inherentes á aplicación da Lei de Costas nas instalacións acuícolas e conserveiras instaladas o pé de costa con concesión a piques de vencer. 

Ademais subliña que establecía a constitución dunha Comisión Mixta de Seguimento para coordinar os plans de actuación de cada administración, estudar a incidencia de cada actuación no ámbito das respectivas competencias, determinar as accións e proxectos a desenvolver polas partes, coordinar as achegas económicas, etc.. 

Porén denuncia que a Xunta non tomou ningunha iniciativa para desenvolver este convenio nin tampouco convocou a citada Comisión Mixta. 

Ante isto quere coñecer, entre outros asuntos, qué accións levou a cabo a Consellería para dar cumprimento a este Convenio, en que situación se atopan as distintas concesións situadas no dominio publico maritimo-terrestre e cántas instalacións acuícolas, conserveiras, ou doutra natureza, están próximas a ver vencida a súa concesión e necesitan, perentoriamente, trasladarse a outro lugar.

Institucional