Martin Pawley: “Non podemos permitir que a Xunta estrague un momento histórico do cine galego”

Martin Pawley: “Non podemos permitir que a Xunta estrague un momento histórico do cine galego”

22 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Oliver Laxe financiou o seu filme Todos vos sodes capitáns, premio da crítica na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes, grazas a unha das axudas de creación e desenvolvemento do talento audiovisual que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Un grupo de críticos, directores e produtores agrupáronse para salvar esta liña de subvencións dos recortes da Xunta e utilizan o exemplo de Laxe como proba do éxito do modelo

“Estas axudas puxeron en valor un mundo paralelo que estaba na sombra da industria audiovisual e destacaron a figura dos creadores individuais como motores de produción libre e independente”, arguméntase no manifesto publicado no blog de cinema Acto de Primavera. Os asinantes aseguran comprender os difíciles momentos económicos que vive a Administración, e mesmo admiten a posibilidade de recortes nas contías, pero coidan que a supresión sería “un gran paso atrás”. “Hai que establecer prioridades nas contas do departamento de Cultura”, afirma Pawley, para quen está claro cales deben ser esas prioridades: “Se hai que apoiar a alguén, ten que ser aos máis novos”. Alegan que esta liña de subvencións conta cun orzamento de 300.000 euros, “unha cantidade equivalente ao que recibe unha soa longametraxe de produción convencional e que o ano pasado serviu para impulsar 35 proxectos”.

Cultura