Master class de percusión en Agolada

Master class de percusión en Agolada

08 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O curso internacional de percusión celebra unha nova edición despois de 8 anos, e trae a Galicia os mellores percusionistas do continente. Esta vez é o concello pontevedrés de Agolada o que acolle o evento, que comezou onte domingo e rematará o xoves 11 cunha gran espectáculo no que a percusión será a principal protagonista. Lalín fora a sede deste acontecemento na súa última edición en 2003.

Máis de 100 alumnos e alumnas están a participar nesta master class organizada polo grupo de percusión galego Odaiko e que conta cos mellores mestres de toda Europa. Profesores da Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo do Porto como Nuno Aroso ou Jeffrey Davis, ou solistas internacionais como Diego Ventoso e César Peris, están estes días neste pequeno concello que non chega aos tres mil habitantes compartindo os seus coñecementos e participando en concertos a diario.

De feito, á par do curso de percusión, celébrase tamén ata o xoves o Festival Rhythm Ahead, con concertos nocturnos dos mestres participantes. O domingo 7 actuaba o grupo de performance contemporáneo KonArt, formado por membros da Orquestra Nacional de Irlanda e do Conservatorio Liceo de Barcelona. Hoxe luns, a partir das dez e media, é a quenda de Diego Ventoso, solista internacional e profesor do Conservatorio de Música de Lugo.

O martes 9 actuará o portugués Nuno Aroso cun espectáculo titulado “Portugal na Galiza”, e rematará a noite cunha Foliada. O mércores 10 tocaralle ao reputado batería Lar Legido, do trío jazz Sumrrá, que se vai acompañar de Jeff Davis para ofertar un concerto único para os amantes do xénero.

E para o fin de festa, os alumnos e alumnas demostrarán o aprendido nun concerto previsto para o xoves 11 ás sete da tarde. Despois, ás 23.30, os organizadores do evento presentan a súa nova produción en primicia en Agolada. Os Odaiko percussion group aseguran que non deixará indiferente a ninguén. Pero a noite non rematará aí, xa que trala actuación, será a quenda da actriz cómica coruñesa Isabel Risco, que de seguro provocará as gargalladas de todos os presentes coa súa intervención.

Unha treboada de bombos porá o sonoro punto final a este master class e festival organizados por Odaiko, que conseguen reunir en Agolada ao máis destacado do panorama internacional no campo da percusión.

Sociedade