A mazorca no muíño e no bolso, o diñeiriño.

O millo daba para moito na alimentación básica dos galegos e galegas.
30 de Novembro, 2018 - 11:56 h. | Publicada por Radio Fene

Sempre a primeiros de decembro a asociación atnográfica e da natureza AETNA de maniños (Fene) abre o muíño do Pombal e convídanos á recreación da Esfollada na que non falta a música das cantareiras, as papas de millo e as bolas da tixola.

Como debe ser, a recreación da Esfollada en Maniños, vai acompañada de foliada. As cantareiras Bolboreta de Barallobre cantarán marcando o paso do traballo. (Foto de Aetna) A Festa de recreación da esfollada comenza hoxe venres ás 20,30 horas no muíño do Pombal, por iniciativa da asociación etnográfica AETNA. Ao lume poranse por un lado as papas e por outra a tixola onde se fan as bolas que acompañarán de liscos. De sobremesa non faltará a bola de ovo da panadería O Cruce de Maniños.

Breve historia do cultivo tradicional do millo.

O millo é un cereal procedente de América e en Galicia cultívase, polo menos, dende o século XVII. O millo sementábase en abril e maio e sachábase en xuño para sacarlle as malas herbas. En xullo rareábase. No mes de agosto, cando a espiga estaba ben lograda, sacábanselle os curutos e as canas sen espiga. Partíanse coa man polo nó que hai enriba da espiga, acción que se chama escotelar. Para que non o comese o porco teixo había quen queimaba trapos a carón do millo pois o cheiro espantaba a este animal. Tamén puñan espantallos para os paxaros. En setembro ou outubro recollíase e segábano polo pe cunha fouce. A espiga secábase e a cana dábaselle ao gando. Nas casas ricas a esfollada facíase coa axuda dos veciños ou dos xornaleiros, polo que non era raro que a esfolla rematase nunha foliada.

Cultura

Publica o teu comentario agora