Medalla de ouro

Rubén González é culturista e ten un ximnasio
23 de Novembro, 2020 - 11:38 h. | Publicada por Radio Fene

O mugardés Rubén González voltou do campionato nacional de culturismo de Marbella coa medalla de ouro.

ESCOITA O PODCAST:

Volveu de Marbella co ouro na man. Rubén González é un rapaz de 22 anos, culturista e dono dun ximnasio. Está contento porque era a primeira vez que competía e volve do campionato nacional co ouro. A experiencia foi boa polo resultado pero regular porque, a causa da Covid19, discorreu moi lento. Eran 350 participantes e, entre medir a febre, medidas hixiénicas, pasar fame e posar con máscara, fíxose complicado, segundo relata el mesmo.

O campionato consiste na comparación dos corpos dos que compiten. A graxa, a pel, a sequidade, os músculos, todo analizado ao milímetro. “A última semana antes de competir é moi importante a alimentación” explica Rubén. Recortar os hidratos, baixar as graxas, manter altas as proteínas para ter masa muscular. Moito sacrificio que Rubén González describe como un traballo de 24 horas ao dia. Ten que durmir 8 horas, programar ben o adestramento, as comidas. Os domingos para el son como os luns.

Todo comezou cando o campión mugardés era un neno gordiño que pasaba a tarde coa play e coas lambetadas. Empezou a moverse e a alimentarse mellor e o corpo foi cambiando. “Cando vía eses corpos nas revistas pensaba, que asco, quen quere poñerse así”. Rubén ten un ximnasio que durante o confinamento axudouno moito a manterse en forma. Para el o ximnasio é un lugar de saúde e non de ocio. Detesta o intrusismo laboral que se está producindo on line. “Eu non podo tratar a xente con problemas alimentarios se non son nutricionista, nin amañar problemas que son cometido dun fisioterapeuta”.

(Imaxe de Rubén González durante o campionato de España)

Deportes

Publica o teu comentario agora