Medio Rural entrega os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santaballa

Medio Rural entrega os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santaballa

25 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os 1.200 propietarios das fincas afectadas pola concentración parcelaria da parroquia de Santaballa xa teñen nas súas mans os títulos que os acreditan como os seus lexítimos donos. O Delegado Provincial de Medio Rural, Emilio López Pérez, xunto co alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, foron os encargados de proceder á entrega dos documentos.

López Pérez destacou a importancia que estes procesos teñen para o mundo agrogandeiro, xa que permite o aproveitamento do terreo para o alimento dos animais e “abaratar os custes nas explotacións”. Tanto o responsable de Medio Rural como o técnico da mesma institución, José Luis Graña, destacaron a “facilidade” do proceso, xa que a boa vontade dos veciños reduciu o número de reclamacións a once, algo que foi decisivo para levar a bo porto a parcelaria.

Pola súa banda, o alcalde da vila chairega, Gerardo Criado, considerou este mecanismo como “moi importante para Santaballa”, a pesar de que “chegou un pouco tarde”. O traballo e a paciencia dos veciños foron outra das razóns polas que, segundo Criado, debían felicitarse todos os implicados.

O proceso de concentración nesta parroquia vilalbesa comezou no ano 1994. Catorce anos mais tarde, as 11.842 parcelas quedaron reducidas a tan só 2.226 fincas. O terreo total afectado foi de 3.200 hectáreas, o que sitúa a Santaballa á cabeza das concentracións galegas pola súa extensión. A superficie media por parcela antes da concentración era de 2.600 metros cadrados, mentres que despois do proceso pasouse a 14.229, unha Ha. e media aproximadamente. Os donos dos terreos pasaron de ter 11 parcelas como media a dúas a partir de agora.

O investimento total que a Consellería de Medio Rural levou a cabo foi de 3 millóns e medio de euros, cun custe medio de 1.200 euros por Ha.. A superficie estará dividida en tres áreas: agraria, forestal e mixta, que deberán ser respectadas. Ademais, tal e como detallaron desde a Consellería, haberá unha rede de camiños de cerca de 200 quilómetros, o que da unha imaxe do tamaño da parcelaria levada a cabo en Santaballa.

O proceso deu comezo o 14 de decembro do ano 1994 e a posesión das fincas comezou oito anos despois, o 1 de novembro do 2002. Despois do período de reclamacións chegou a firmeza do acordo, o 10 de decembro do 2007.

Vilapedre

A concentración parcelaria de Vilapedre pode ser a seguinte. Segundo o persoal de Medio Rural este proceso está nas últimas fases, pois neste momento se están atendendo as reclamacións de superficie, polo que cando remate podería procederse a rematar esta actuación e recoller os títulos de propiedade. As previsións manexadas desde o departamento autonómico son de un ano para o final da parcelaria desta parroquia vilalbesa.

Sociedade