Medio Rural subvencionará a plantación de Oliveiras

Medio Rural subvencionará a plantación de Oliveiras

18 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Consellaría do Medio Rural promoverá a plantación de oliveiras a través da liña de axudas de plan de mellora de explotacións agrarias, cuxo prazo de solicitude estará aberto ata o 31 de maio. Deste xeito, todos aqueles agricultores que queiran poñer en marcha unha plantación deste tipo poderán solicitar dita axuda, que contempla diferentes niveis de subvención, se

Con esta iniciativa o departamento autonómico trata de impulsar unha alternativa viable para as rendas agrícolas. A rendibilidade deste tipo de cultivo, estímase en 15.000 quilos/hectárea de produción en sistemas intensivos, e en 4.000 quilos/hectárea en extensivo e un rendemento medio de 6.000 euros por hectárea.

Os agricultores ou sociedades a título principal (é dicir, cuxa actividade principal sexa a agricultura), en zona catalogada como desfavorecida, terán unha axuda que cubrirá ata o 50% do investimento. No caso de que o solicitante sexa unha persoa moza (menor de 40 anos), tamén a título principal e en zona desfavorecida, a axuda ascenderá ao 55% do investimento. Para zona normal, un titular terá unha axuda de ata o 40% e se é mozo percibiría ata o 45%. Mentres, para os solicitantes cuxa actividade principal non sexa a agricultura, serán aplicados os mesmos baremos cunha redución dun 5% en cada un dos supostos.

Esta liña de axudas contempla como subvencionables conceptos incluídos nos custes de plantación, como son a preparación previa á plantación, enmendas e adubado (encalado e abonado), a compra da planta certificada e a instalación de sistemas de condución, protectores e titores. Os custes de plantación en sistemas intensivos serán subvencionados ata 10.000 euros de investimento por hectárea, mentres que en sistemas extensivos contarán cunha axuda de ata 4.500 euros de investimento por hectárea. Estas axudas tamén contemplan outros módulos destinados a subvencionar os investimentos que se realicen en peches e sistemas de rego.

O cultivo de oliveira tivo no pasado un importante peso en determinadas zonas das provincias de Ourense e de Lugo, estando na actualidade en fase de recuperación coa posta en marcha de varias experiencias piloto nos anos 2006 e 2007, coa plantación de 37.500 oliveiras mediante un convenio entre a Consellaría do Medio Rural e diversas Comunidades de Montes dos concellos de Barbadás, Petín e Verín, para revitalizar 25 hectáreas de monte abandonado. Neste caso concreto, a produción resultante desta primeira experiencia será procesada e transformada por unha empresa de aceites ourensá, en virtude dun acordo entre dita empresa e as comunidades de montes implicadas neste proxecto, estimando uns beneficios anuais de 150.000 euros. Para poñer en marcha plantacións similares é recomendable facer un estudo adecuado das zonas de produción, onde se analicen os requerimentos de clima e solo, as técnicas de cultivo e as variedades máis acaídas para cada zona.

Sociedade