Medirán o tempo nas inmediacións da illa de Ons

Medirán o tempo nas inmediacións da illa de Ons

20 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Técnicos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR); MeteoGalicia e do Grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo (GOFUVI), co apoio do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e do Servizo de Gardacostas, fondearon hoxe nas inmediacións da Illa de Ons, unha boia oceanográfica de máis de catro metros de diámetro, capaz de medir e transmitir en tempo real datos meteorolóxicos e oceanogr&a

Técnicos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR); MeteoGalicia e do Grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo (GOFUVI), co apoio do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e do Servizo de Gardacostas, fondearon hoxe nas inmediacións da Illa de Ons, unha boia oceanográfica de máis de catro metros de diámetro, capaz de medir e transmitir en tempo real datos meteorolóxicos e oceanográficos.

En concreto, esta boia está equipada con sensores para medir variables oceanográficas como correntes, salinidade e temperatura da auga, e meteorolóxicas, como humidade, velocidade e dirección dos ventos e temperatura ambiente. Os técnicos pretenden dotala en breve dun novo sensor para medir a altura das ondas.

A actuación forma parte do desenvolvemento do Proxecto RAIA, no que participan entidades de España e Portugal. Esta iniciativa busca configurar un observatorio oceánico, constituído por unha infraestrutura trasfronteiriza de observación do océano e por unha extensa rede oceanográfica operacional baseada na monitorización e predición do océano, mediante o uso de modelos numéricos e a construción e desenvolvemento de novas plataformas oceano-meteorolóxicas.

A boia fondeada hoxe é xemelga da instalada en augas das Illas Cíes, no mes de outubro de 2008 e súmase ás estacións oceano-meteoróloxicas xa operativas, situadas en Rande, na Ría de Vigo e nas proximidades da Illa de Cortegada, na Ría de Arousa. Esta rede de estacións verase aumentada en próximas datas co fondeo fronte a desembocadura do Miño, dunha terceira boia idéntica ás de Cíes e Ons.

Pola súa parte, o Instituto de Investigacións Mariñas do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e máis o Instituto Hidrográfico de Portugal, están facendo preparativos para instalar outras dúas boias con semellantes características, en fronte de Cabo Silleiro  e a altura de Porto, respectivamente, no marco do mesmo Proxecto RAIA.

O proxecto RAIA está coordinado por MeteoGalicia e nel participan, ademais das entidades xa mencionadas, por parte de España o Instituto Español de Oceanografía (IEO); e o Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (CIIMAR), o Instituto de Enxeñería de Sistemas e Computadores de Porto (INESCP), o Instituto de Enxeñería Mecánica e Xestión Industrial (INEGI), Facultade de Enxeñería da Universidade de Porto (FEUP), Universidade de Aveiro (UA), e Facultade de Ciencias da Universidade de Porto, por parte portuguesa.

A consolidación das infraestruturas xa operativas e máis das que se están a instalar, situará a Galicia e o Norte de Portugal entre as primeiras rexións do mundo, no que atinxe á observación e modelización oceánica.  Este mellor coñecemento do medio mariño nesta zona terá un impacto moi positivo para a seguridade marítima, a preservación do litoral costeiro e o aumento da calidade das augas. Tamén para tódalas actividades produtivas que nelas se desenvolven, como a pesca de baixura e o marisqueo.

Institucional