Melide rende homenaxe ao traxe e á música tradicional

Melide rende homenaxe ao traxe e á música tradicional

24 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Concello de Melide celebra esta fin de semana a III Mostra do Traxe Galego e da Música Tradicional. Un evento que, segundo comentou en Radiofusión a concelleira de Cultura, Conchi Castro, “homenaxea os nosos sons, o noso xeito de vestir, elementos que forman parte do noso patrimonio, nunha terra de gaiteiros e moita tradición”. A Praza do Convento ser&aac

A mostra encargarase de inaugurala, o sábado pola mañá, o grupo de música tradicional Os Rueiriños, ao que seguirá un obradoiro de enredos musicais con Emilio Lois. Xa pola tarde, actuarán de novo Os Rueiriños, ademais de Terribles de Donas, Manuel Viqueira e Limagoia, esta última no Cantón de San Roque.

O domingo ao mediodía abrirá o evento un obradoiro de xoguetes sonoros con Xaneco Tubío. Pola tarde, actuará o grupo de música e baile tradicional A Ponte Vella e ás sete e media será a quenda do desfile de traxes tradicionais da Asociación do Traxe Galego. A xornada pecharaa o grupo Ludovaina.

Tamén haberá oco para as exposicións. Unha delas céntrase na música tradicional galega nos camiños xacobeos, é dicir, recolle instrumentos antigos, vestiario, fotografías e outros obxectos relacionados coa música tradicional nas zonas polas que discorre a ruta xacobea. O Traxe Tradicional Galego tamén ten a súa propia mostra. Segundo Conchi Castro, a exposición supón “unha oportunidade para coñecer as características, tecidos e zonas ás que pertencen as diferentes indumentarias”.

Diferentes artesáns tamén estarán presentes na III Mostra do Traxe Galego e da Música Tradicional cos seus stands. É o caso de Oli Xiráldez (gaitas e requintas), Lorena Reinaldo (arpas), Xaneco Tubío (percusión e zanfonas), Pablo Carpintero (percusión e zanfonas), Master Gaita (controlador midi con dixitación de gaita), Cristóbal Prieto (pitos, frautas e requintas) e Alfonso Castro.

Cultura