A mellor forma de preparar un bo capón presentouse hoxe en Vilalba

A mellor forma de preparar un bo capón presentouse hoxe en Vilalba

17 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Peitugas de capón con mazá ao viño do Ribeiro, capón recheo de castañas, capón trufado, capón recheo á italiana...Hai mil formas de poder probar este exquisito produto chairego que terá a súa festa o vindeiro domingo 20 de decembro. Algunhas delas, concretamente 43, foron recompiladas por Matilde Felpeto Lagoa nun libro que foi presentado hoxe en Vilalba. Baixo o título de “El Capón de Vilalba y su cocina”, a esc

O libro, que pertence á colección “La cocina de la vida” da editorial Trea, divídese en dúas partes, unha primeira, a introdución, na que a historia do capón engloba diversos aspectos como poden ser a súa orixe e o seu devir ao longo do tempo, a súa crianza, as técnicas para a súa cociña ou mesmo a súa presenza na literatura. A segunda parte conforma un conxunto de receitas de países como Italia, Francia ou Portugal, pasando polas chairegas, lucenses ou andaluzas.

 

 

Esta publicación pon negro sobre branco a unha parte deste senlleiro produto vilalbés que aínda quedaba por tratar, como é a plasmación da cultura culinaria popular con respecto a este produto, tal e como indicou o alcalde da vila, Gerardo Criado. “Dentro de todo o que significa o capón para todos os vilalbeses, o único que faltaba era unha páxina que amosase as diferentes formas de cociñalo”, dixo Criado. Por ese motivo, o edil chairego agradeceu “os extraordinarios” contidos deste libro, que “contribuirán a incrementar a fama ben recoñecida do capón”.

 

Pola súa banda, Matilde Felpeto, nacida en Ares, A Coruña, explicou que o seu interese polo capón provén das súas orixes familiares, xa que o seu avó paterno, Emilio Felpeto, era vilalbés, polo que “coñecía ben desde pequena este manxar da nosa gastronomía”. A propia autora informou de que no libro hai receitas que aparecían en publicacións dos séculos XVIII e XIX; así como en volumes de autores galegos como Emilia Pardo Bazán, Picadillo ou Álvaro Cunqueiro.

 

Sen embargo, o seu traballo non foi unicamente nas bibliotecas, xa que realizou un intenso traballo de campo falando con diversos cociñeiros para acadar “receitas desta zona e doutras de Galicia e de España”.

 

Por último, o editor do libro, Gonzalo Allegue, admitiu que a colección onde se encadra este libro, “La comida de la vida”, era a “mais idónea”, porque “nela están grandes nomes da cociña española e da historia da gastronomía, e un produto como o capón non merecía menos”. Allegue fixo unha loubanza de Matilde Felpeto e indicou que era “a súa best seller”, pois era unha muller “moi asentada na elite neste tipo de publicacións”.

 

“El Capón de Vilalba y su cocina” conta co apoio do Concello de Vilalba, que fixo unha inversión de 3.600 euros e mercou 500 números do libro (dos 2.500 dos que consta a tirada) que se porán á venda, a un custe de 15 euros, na vindeira edición da Feira do Capón, que se celebrará o vindeiro domingo 20 de decembro.

Sociedade