Mellora de camiños

Camiños en Barallobre, Fene, Magalofes e Sillobre, con cargo ao POS+
09 de Outubro, 2019 - 01:23 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello investirá 365.000 euros en obras de mellora de camiños en Barallobre, Fene, Magalofes e Sillobre. Executaranse con cargo ao POS+ Adicional e contemplan o aglomerado ou pavimentación de viais e, nalgúns casos, dotación de alcantarillado.

O Concello de Fene vén de recibir o visto bo da Deputación provincial da Coruña ás obras propostas no marco do POS+ Adicional 2019. Actuacións que, no seu conxunto, suman un investimento de 365.783,13 euros, cofinanciados pola institución provincial (319.529,30 euros) e máis pola Administración local (que aporta 46.253,83 euros). Así o informou o alcalde, Gumersindo Galego, para dar conta das actuacións que se levarán a cabo nas parroquias de Sillobre, Fene, Magalofes e Barallobre.

En concreto, procederase á dotación do servizo de alcantarillado no camiño de Os Regueiros, así como ao aglomerado do vial. Intervención de acondicionamento do firme que continuará ao longo do camiño de Visura ata o límite co municipio de Neda. As dúas obras, na parroquia de Sillobre, contan cun orzamento de 148.550,89 euros.

A segunda actuación será a pavimentación do vial de Fene a Magalofes por Lubián, cun orzamento de 112.399,11 euros e co obxectivo de completar unha actuación do anterior goberno que levou a cabo o aglomerado nun pequeno treito desta vía, unicamente na zona de vivendas, e que agora se estenderá ao 100%.

E, finalmente, cun orzamento de 104.833,13 euros, o Concello mellorará o firme e dotará de alcantarillado o camiño da Lomba, na parroquia de Barallobre.

Institucional

Publica o teu comentario agora