Menos horas de traballo en Navantia Fene

Non gusta ao goberno local de Fene o desvío de carga de traballo de Fene a Cadiz
22 de Abril, 2019 - 02:04 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Fene censura o desvío de carga de traballo de Fene a Puerto Real. Critica o que considera un novo mazazo para a factoría fenesa á que se castiga con 240.000 horas de traballo menos.

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, censurou o anuncio de Navantia de desviar parte do último pedido de eólica marina do astaleiro de Fene ao de Puerto Real. Unha decisión que deixa a Fene á marxe da construción dunha das cinco plataformas flotantes do proxecto Kinkardine adxudicado a Navantia e Windar Renovables e, polo tanto, elimina 240.000 horas de carga de traballo das 1.250.000 previstas. Especialmente grave nun momento no que a factoría pode quedar sen ocupación ata a construción das fragatas F110 para a Armada.

Galego engade que, facendo historia, Fene vén pagando a mala xestión das administracións, sufrindo o peor castigo en despidos e prexubilacións. Tras a primeira e segunda reconversión, viuse abocado a buscar recurrentemente novas liñas de negocio e actividade e, unha vez consolidadas, sufre un novo golpe tras outro. O último, o desvío de parte deste novo encargo. Gumersindo Galego apunta que agora, cun novo nicho de mercado en vías de consolidación como é a eólica mariña, a decisión de desviar parte da carga de traballo deste último pedido supón o primeiro mazazo á posibilidade de recuperación e estabilidade para a factoría fenesa. Aínda así, considera que o peor, e á vista da evolución dos últimos anos, é que esta política de desviar carga de traballo continúe e frustre de novo as aspiracións de Fene de consolidar este nicho de mercado.

Institucional

Publica o teu comentario agora