Mestura de culturas no II Ciclo de Músicas Portuarias

Mestura de culturas no II Ciclo de Músicas Portuarias

03 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Esta fin de semana arranca o II Ciclo de Músicas Portuarias que se celebra dende o ano pasado en Ferrol. Mercedes Carbajales, a concelleira de Cultura, informou do programa e recordou que as entradas están dispoñibles na taquilla e tamén en Internet.

A programación do ciclo desborda música en estado puro pero tamén combinada coa paisaxe xa que o sábado ás seis da tarde unha lancha chea de música partirá do Peirao de Curuxeiras. Dicimos chea de música porque esta viaxe contará coa música en directo de Clonmela, Verdegaio e Salix Alba. A embarcación pasará polas baterías da Graña, os castelos de San Felipe e a Palma ou os estaleiros entre outros lugares. Os interesados deberán darse présa en recoller as invitacións xa que o aforo está limitado a cen prazas.
De tódolos xeitos, o prato forte chegará pola noite. Fred Martins, cantante brasileiro de gran sona mundial será o encargado de comezar os concertos de Músicas Portuarias. Martins presentará o seu novo traballo “Guanaraba” no Teatro Jofre o sábado a partir das nove e media da noite. A súa música é unha mestura entre o pop e os ritmos máis elaborados do folclore do Brasil. As entradas teñen un coste de dez euros e poden comprarse na taquilla ou por Internet.
A mestura de culturas estará presente neste Ciclo que nos achegará a música da galega Uxía o once de xullo e da francesa Nolwenn Korbell o doce de xullo. A concelleira de cultura recordou que os que estean interesados en asistir aos tres concertos do ciclo poden beneficiarse dun bono desconto que custa vinte euros.

Cultura