A militancia do BNG ten a última palabra

A militancia do BNG ten a última palabra

01 de Febreiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A militancia do BNG terá a última palabra no conclave do 28 de Febreiro. A partir do Consello Nacional prosegue o calendario marcado de cara á celebración da XV Asemblea nacional que terá lugar no Palexco da Coruña. Os debates nas comarcas prolongaranse ata o 15 de febreiro, data límite para remitir as emendas aprobadas pola militancia ao Consello Nacional, que celebrará un último encontro antes da cita asemblearia o 20 de febreiro. Tres relator

O Consello Nacional do BNG aprobou os textos políticos que serán debatidos agora polo conxunto de toda a militancia nas asembleas comarcais, de onde sairán os relatorios finais para someter a análise e votación definitiva na asemblea nacional prevista para o 28 de febreiro.

Os textos aprobados, tras o debate das 117 emendas presentadas polos membros do Consello Nacional, son tres: o relatorio oficial elaborado e asumido pola Comisión redactora das ponencias -que incorporou unha parte substancial das emendas-, e outros dous textos en fora de votos particulares presentados por Carme Adán e Tereixa Paz e por Alba Nogueira, na súa condición de integrantes do Consello Nacional.

Os tres documentos políticos concordan no obxectivo de manter o proxecto nacionalista do BNG como unha forza auto organizada, autónoma e con perfil propio perfectamente diferenciado na defensa do país, que entende Galiza como unha nación, e defende o dereito de autodeterminación dos pobos.

Os relatorios políticos aprobados polo Consello Nacional apostan tamén pola “refundación” do proxecto nacionalista para frear o devalo electoral do Bloque nos últimos anos, claramente reflectido nos resultados dos comicios do 20D. Unha refundación que se apunta como necesaria, tras abrir un proceso de debate entre a militancia e o conxunto da cidadanía que, segundo as propostas, debería estar definida ante das eleccións galegas ou formularse tras un período maior de debate.

A defensa da maioría social -precariada e empobrecida- a defensa dos sectores produtivos do país, dos servizos públicos universais e de calidade, da igualdade e da lingua e cultura propias son temas esenciais asumidos en todos os relatorios, que tamén teñen como elemento común a necesidade de “resintonizar” coa cidadanía. Preocupa especialmente a perda de apoio entre a mocidade e na Galiza urbana, que se considera vital recuperar, actualizando mensaxes e maneiras de comunicalos.

A militancia tamén debaterá sobre as fórmulas de concorrencia electoral para os comicios galegos e sobre o modelo organizativo que se propón nos textos que agora pasan as asembleas comarcais.  

Neste sentido, hai unha aposta clara polo asemblearismo, expresamente recollida nos relatorios aprobados que, no relativo á cita coas urnas, abren o abano entre a proposta de concorrer ante os e as electoras sumando a todas as forzas nacionalistas posibles, e a proposta de explorar vías de confluencia a través dunha coalición técnica en pé de igualdade con forza nacionalistas e de esquerdas que operen en Galiza.

Sociedade