Mobilizaranse en agosto polo prezo do leite

Mobilizaranse en agosto polo prezo do leite

29 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Os sindicatos agrarios anuncian mobilizacións polo prezo do leite para o mes de agosto. Quéixanse da enorme diferenza que separa o prezo de venda ao público da cantidade que se paga ao gandeiro en orixe. O prezo medio do litro de leite en Galicia situouse en maio en 0,2794. A media española situouse en 0,2973, mentras que en Francia o prezo ronda os 0,30 céntimos de euro.

Unións Agrarias (UUAA), Xóvenes Agricultores (XXAA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) anunciaron este xoves que se mobilizarán en agosto se as industrias non soben o prezo do leite 'de maneira inmediata'. As organizacións manterán contactos coas empresas para instalas a incrementar os prezos en orixe. En concreto iniciarán as conversas polas tres industrias “que menos pagan” aos produtores lácteos –até seis céntimos por debaixo da media española– e que, segundo os sindicatos, son Lactallis, Celta e Leite Río.

Xoán Orozco, secretario xeral técnico de XXAA, dixo que a “industria segue a marcar os prezos do leite en función do seu propio beneficio”, situación que levará, segundo a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, “a mobilizarse nas próximas semanas se a industria non paga máis polo leite do mes de xuño”.

Os sindicatos queixáronse de que maila que a Consellaría do Medio Rural lles da a razón, os produtores séntense como “unha pelota de ping pong no que a raqueta é a distribución e outra a industria que marean aos gandeiros e en medio delas a Administración actúa como unha rede inmóbil”.

Orozco reclamou que o Tribunal Galego de Defensa da Competencia “ten que preocuparse” por controlar as industrias lácteas que se “reúnen en Lugo”, onde, segundo denunciou o representante de XXAA, acordan cuestións como o impedimento da suba dos prezos.

O xerente de Agaca, Hixinio Mougán, explicou que o prezo do leite en Galiza sitúase “por debaixo de todas as medias”. O Observatorio Lácteo de Galicia situou en maio o prezo en 0,2794 euros por litro, “case” dous céntimos menos que a media española que está en 0,2973 e tres céntimos menos que o prezo francés que ronda os 0,30 euros por litro.

Sociedade