Modernizándose

O vehículo policial dispón dunha oficina móbil que mellora o traballo dos axentes
04 de Abril, 2019 - 09:47 h. | Publicada por Radio Fene

A Policía Local de Fene contará cun novo vehículo de atestados que dispón dunha oficina móbil. Adquiriuse por un importe de 46.627,57 euros. Na práctica, este vehículo permitirá ós axentes elaborar in situ os atestados, ofrecendo unha mellor atención á veciñanza e facilitará o traballo que realizan a pé de rúa, axilizando as tramitacións que deben facer.

O modelo de furgón da Policía Local conta cunha zona de oficina móbil, equipada con mobiliario, tres asentos fixos –un para o axente operador e outros dous-, equipos informáticos e instalación eléctrica. Un equipamento moderno e adecuado para desenvolver as tarefas policiais e prestar a adecuada atención á cidadanía.

De igual xeito, o vehículo dispón de porta corredeira lateral, portón traseiro, emisora e instalación completa con antena, extintor, botiquín de primeiros auxilios, ponte de iluminación de emerxencia, rotulación e sinaléctica, entre outras cuestións.

Trala adxudicación do contrato, o Concello recepcionará o vehículo nas próximas semanas, e pasará a formar parte do parque móbil municipal, tras un investimento realizado con fondos propios e atendendo a unha demanda trasladada pola plantilla.

Institucional

Publica o teu comentario agora