Moeche disfruta do Entroido o martes

Moeche disfruta do Entroido o martes
24 de Febreiro, 2020 - 10:29 h. | Publicada por Radio Fene

Este Martes de Entroido é festivo local en Moeche e día das máscaras por excelencia no concello.

A área de Cultura organiza na nave do mercado unha festa familiar que empeza ás 16.30h. e que se prolongará até a noitiña cargada de propostas: xogos e bailes para a rapazada, inchables, chocolate con churros de merenda e, por suposto, premios para os mellores disfraces en colaboración coa hostalaría do municipio.

A cativería terá no fondo da nave, como vén sendo habitual, un grande castelo inchable e máis unha cama elástica para subir, saltar e arrolar cantas veces queiran. Porén, para a rapazada tamén haberá un pequeno obradoiro de deseño de máscaras con material de reciclaxe e a sempre exitosa sesión de cancións e bailes animada por LaGuaGua. Serán precisamente os seus monitores e monitoras quen se encargarán de coordinar o pase de disfraces por diante do xurado que elixirá as mellores máscaras.

Están previstos tres premios para os mellores disfrace infantís; un premio para o mellor disfrace na categoría adulta; outro para o grupo máis numeroso e outro para o mellor grupo. Alén dos premios e da troula que encherá a nave do mercado, cara á parte final da tarde tamén se servirá chocolate con churros.

Cultura

Publica o teu comentario agora